Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

O Ministro de Educación, Cultura e Deporte comparece por primeira vez na comisión de Cultura do Congreso

02 de febreiro de 2012

O Ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, compareceu por primeira vez na comisión de Cultura do Congreso dos Deputados para debullar as liñas xerais da política cultural da súa carteira.

Durante a súa intervención, o Ministro destacou que “o sector cultural en España achega case o 4% ao PIB e emprega o 2,8% dos traballadores españois. Desde a súa dimensión económica, as industrias culturais e creativas son unha fonte cada vez maior de creación de riqueza, de emprego e, en xeral, de desenvolvemento económico”.

José Ignacio Wert fixo un repaso aos grandes temas e compromisos que asume o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e manifestou a súa “vontade de diálogo cos demais grupos parlamentarios”. “Asentaremos, pois, as bases do noso labor no consenso, o entendemento e a colaboración institucional”.

Estratexia de Cooperación e Comunicación cultural

O Ministro afirmou que vai elaborar unha Estratexia de Cooperación e Comunicación Cultural. “Esta estratexia será un acicate para ese enriquecemento e crecemento mutuo. Con ela reforzaremos as capacidades estratéxicas e de xestión do sector público nas institucións culturais, mediante intercambios profesionais e culturais, e o aproveitamento compartido de infraestruturas e recursos pensando en continentes e contidos”. “A cooperación debe ser entendida como unha liña transversal da nosa política cultural”, indicou Wert.

Lei de Propiedade Intelectual e supresión do Canon Dixital

En relación á nova Lei de Propiedade Intelectual, o Ministro destacou: “Comezamos a traballar para que a Comisión da Propiedade Intelectual estea formada e entre en funcionamento coa maior celeridade posible. Tamén imos concluír en breve o seu desenvolvemento regulamentario para poder contar cun marco de actuación completo”. Habendose iniciado xa “os trámites de comunicación e diálogo cos Ministerios correspondentes”.

Segundo Wert, o proxecto de Lei de Propiedade Intelectual basearase “en claves dixitais” e “servirá de soporte ao talento, á liberdade creadora e á innovación ”.

Sobre a medida de supresión do Canon Dixital, o titular de Educación, Cultura e Deporte resaltou que “é unha medida de carácter provisional que o Goberno adoptou ata que a Unión Europea harmonice de forma comunitaria a compensación previa para o 2013, no mellor dos casos ”. O obxectivo do modelo introducido polo Goberno, mediante o cal se establecerá regulamentariamente o procedemento de pagamento aos perceptores da compensación equitativa con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, é encontrar unha forma máis eficaz e máis xusta de que prevía o canon suprimido, “incrementando a eficacia na xestión e mellorando os mecanismos de compensación”, explicou José Ignacio Wert.

Lei de Mecenado

O Ministro afirmou querer elaborar unha “lei ampla e ambiciosa. Unha lei que debe involucrar sectores como o cultural, o social, o educativo, o deporte, o científico e o da innovación ”.

Nesta lei proporase un incremento para acadar porcentaxes similares ás desgravacións fiscais doutros países europeos. Segundo Wert, “melloraranse os incentivos no IRPF e o Imposto de Sociedades, sendo os beneficiarios tanto as persoas físicas coma as xurídicas”. “Con esta nova lei impúlsase a participación da sociedade civil no apoio e fomento á creación ”.

Cine

O Ministro dixo que para impulsar o cine aplicarase un “modelo mixto de financiamento en que as axudas directas se complementen de forma progresiva cunha política máis decidida de incentivos fiscais”. Ademais, desde o Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) fomentaranse novos modelos de negocio de distribución e exhibición de películas, así como a promoción internacional do cine español.

A revisión da Lei do Cine como a Lei Xeral de Comunicación Audivisual foi outro dos puntos destacados nas iniciativas que se impulsarán desde o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

INAEM

En relación ao Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), o Ministro informou das políticas de incremento da demanda que se levarán a cabo desde este organismo autónomo. Entre estas medidas destaca o emprego de novos mecanismos de financiamento como o mecenado e a colaboración público-privada, así como a promoción da formación e inserción profesional en condicións axeitadas dos traballadores do sector cultural.

Museos

José Ignacio Wert anunciou que en referencia ao Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, reforzarase o Real Padroado do Museo, crearase unha Fundación para financiar e apoiar o desenvolvemento do Museo e porase en funcionamento unha Sociedade Mercantil que aglutine os temas vinculados coa distribución de publicacións, patrocinios, xestión de espazos ou “merchandising”.

Touros

O Ministro subliñou o feito da situación na Secretaría de Estado de Cultura das competencias do Estado sobre o fomento e a protección da tauromaquia como disciplina artística e da festa dos touros, ao considerara “produto e ben cultural”.

O titular de Educación, Cultura e Deporte explicou que se convocará “o máis axiña posible” a Comisión Consultiva Nacional de Asuntos Taurinos, a que se dotará dun dinamismo “de que careceu nos últimos anos”, modificandose, no que sexa preciso, a composición e funcións da Comisión.

Biblioteca Nacional de España

Neste ano en que se conmemora o tricentenario, o Ministro mostrou a vontade do Goberno de crear unha Lei reguladora da Biblioteca Nacional de España, “que o dote de autonomía, como xa se fixo co Prado e recentemente coa Raíña Sofía”, que lle permita seguir sendo unha das máis importantes institucións culturais de España e un dos máis importantes fondos bibliográficos do mundo..

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles