Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

O Goberno aproba o Estatuto do Estudante Universitario

30 de decembro de 2010

Consulte o texto íntegro

  • Constituía unha aspiración dos colectivos de estudantes desde fai décadas

O Consello de Ministros aprobou hoxe, a proposta do Ministerio de Educación, o Real decreto por que se aproba o Estatuto do Estudante Universitario, que garante a participación do alumnado na política e a xestión das universidades.

O Estatuto do Estudante Universitario establece mecanismos para aumentar a implicación e participación dos estudantes na vida universitaria e no deseño das súas políticas estratéxicas. Representa avances de gran relevancia, entre os que se poden mencionar:

  • Progresa na declaración dos dereitos e deberes dos estudantes.
  • Define a orientación ao estudante e a configuración de sistemas titoriais desenvolvidos polo profesorado e o persoal especializado.
  • Describe a Atención ao Universitario como clave para a formación integral do estudante.
  • Describe a programación docente do estudante de ensinanzas que conducen á obtención dun título oficial, definindo a natureza das prácticas externas e regulando o dereito a unha avaliación obxectiva, así como á comunicación e revisión das cualificacións.
  • Regula a representación estudiantil dentro das universidades, así como a súa participación en organizacións nacionais e internacionais.
  • Presta atención ao fomento da convivencia e a corresponsabilidade na universidade. Contempla a creación de comisións de corresponsabilidade universitaria formadas por estudantes, profesores e persoal de administración e servizos, e describe a colaboración do estudante co Defensor Universitario, que poderá asumir tarefas de mediación e conciliación.
  • Inclúe a actividade física e deportiva e a formación en valores como compoñentes da formación integral que as universidades deben proporcionar aos estudantes.

O Estatuto crea tamén un Consello de Estudantes Universitarios do Estado, canle directa de representación ante o Ministerio de Educación similar a que existe para os reitores (Consello de Universidades) e para as Comunidades Autónomas (Conferencia Xeral de Política Universitaria). Entre as súas competencias encóntranse:

  • Informar os criterios das propostas políticas do Goberno en materia de estudantes universitarios.
  • Ser interlocutor válido ante o Ministerio de Educación.
  • Contribuír activamente á defensa dos dereitos dos estudantes.
  • Velar pola axeitada actuación dos órganos de goberno das universidades canto a dereitos e deberes dos estudantes.
  • Recibir e, se é o caso, dar vía ás queixas que lle presenten os estudantes universitarios.
  • Elevar propostas ao Goberno.

O Consello de Estudantes Universitarios do Estado (cuxo regulamento de organización será aprobado proximamente) estará formado inicialmente por 3 representantes do Ministerio de Educación, 5 expertos designados polo ministro de Educación e 88 representantes dos estudantes.

Unha aspiración da comunidade estudiantil

A aprobación do Estatuto do Estudante Universitario era un dos principais obxectivos do Ministerio de Educación dentro do eixe "gobernación" da Estratexia Universidade 2015, así como unha aspiración dos colectivos de estudantes españois desde fai décadas. A súa aprobación prodúcese despois de acadar o consenso sobre a redacción do texto cos principais axentes implicados da comunidade universitaria: reitores, comunidades autónomas, representantes de alumnos e docentes.

Nas reunións para a elaboración do Estatuto participaron durante meses as principais asociacións, federacións e confederacións de estudantes de España, así como a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (a CRUE, canda a súa Rede Universitaria de Asuntos Estudiantís, RUNAE), o Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria entre outros.

O obxectivo é involucrar os estudantes (que representan o 90% da comunidade académica) como socios reais nas estruturas de toma de decisións da educación superior, así como nos debates políticos e orzamentarios. Tras a aprobación do Estatuto, corresponderalle á comunidade universitaria, en exercicio da súa autonomía, desenvolver os diferentes aspectos do mesmo.

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles