Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

O Goberno pon en marcha o Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras cun investimento de 120 millóns

01 de outubro de 2010

Consello de Ministros

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, presentou o Consello de Ministros un informe sobre o Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras, enmarcado no Plan de Acción Inmediato 2010-2011, e que conta cun financiamento de 120 millóns de euros para este curso.

Este Programa é unha ambiciosa iniciativa con medidas a curto, medio e longo prazo, que se desenvolverán nos vindeiros 10 anos, e que estarán destinadas a alumnos, familias e profesores.

Este plan, que foi apoiado de forma maioritaria polas Comunidades Autónomas na recente Conferencia Sectorial de Educación, é o primeiro que se pon en marcha en España e que aborda de forma global e con financiamento sostido, a aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Entre os seus principais obxectivos destacan:

  • Conseguir que todos os alumnos ao final da educación obrigatoria coñezan polo menos unha lingua estranxeira.
  • Ampliar o coñecemento dunha segunda lingua estranxeira durante a educación obrigatoria.
  • Reforzar o coñecemento de idiomas na formación profesional.
  • Reforzar o coñecemento da primeira lingua estranxeira na educación superior.
  • Fomentar a aprendizaxe de linguas estranxeiras entre as persoas adultas.

Para desenvolver estes obxectivos será determinante concienciar á sociedade española da importancia da aprendizaxe de linguas estranxeiras e nesa liña tamén traballará o Goberno.

Desenvolvemento do programa

O Plan está estruturado en tres fases: 2010-2011, 2012-2015 e 2016-2020, e establecéronse catro ámbitos de actuación: ámbito normativo, profesorado, alumnado e centros educativos e medio social.

De cara á primeira fase increméntase cuantitativa e cualitativamente as actividades de mellora do ensino de linguas xa desenvolvidas polo Ministerio de Educación en anos anteriores e reordena globalmente as accións que o Goberno viña realizando. Entre as actuacións previstas para o curso 2010-2011 destacan as seguintes:

  • Estancias noutros países de profesorado de linguas estranxeiras e de mestres de Educación infantil e primaria.
  • Creación dun novo programa de estancias dun curso escolar noutros países para profesores de inglés en activo mediante a súa adscrición a centros de países de lingua inglesa, compatibilizando horas de prácticas en centros docentes con horas de formación durante un curso escolar.
  • Ampliación do número de profesores visitantes estranxeiros, que non substituirán profesores españois.
  • Incremento do número de auxiliares de conversación estranxeira destinados a centros españois para o reforzo da práctica lingüística dos alumnos.
  • Máis estancias formativas de alumnos noutros países
  • Incremento das axudas destinadas á inmersión lingüística de alumnos de 6º curso de educación Primaria en España
  • Creación dunha plataforma virtual de intercambio de experiencias e de organización de actividades.

Outras medidas importantes que desenvolverá o Plan son:

  • Apoio á emisión de contidos audiovisuais no seu idioma orixinal.
  • Creación dun sistema nacional de ensino e aprendizaxe de contidos de linguas estranxeiras a distancia.
  • Apoio á maior e mellor utilización das tecnoloxías da información e a comunicación.
  • Impulso ao desenvolvemento de metodoloxías de aprendizaxe integrada de contidos e lingua.
  • Extensión da aprendizaxe temperán de linguas estranxeiras (3-6 anos).
  • Programa de Auxiliares de Conversación procedente do programa Erasmus en España: Incorporación do alumnado que participa no Programa Erasmus en España ao programa de auxiliares de conversación en centros educativos, por medio do establecemento de convenios coas universidades.
  • Plan de convenios con universidades estranxeiras: Subscrición de convenios con universidades estranxeiras para o intercambio de alumnos en prácticas.
  • Mobilidade de alumnos Comenius: desenvolvemento e complemento do programa educativo europeo cuxo obxectivo é fomentar a mobilidade de alumnos de ensino secundario por medio de estancias de entre 3 e 10 meses en centros educativos doutros países europeos en réxime de convivencia en familias. O Ministerio de Educación incorporará os países de fala inglesa non incluídos no programa.

Ademais, desenvolveranse unha serie de actuacións no ámbito normativo, consensuada cos axentes educativos, cos representantes dos profesores e as comunidades autónomas, entre as que cómpre destacar:

  • A incorporación ao Real decreto de Especialidades do Corpo de Mestres de requisitos asociados ao nivel de competencia lingüística necesaria para impartir disciplinas non lingüísticas en linguas estranxeiras e establecemento dos niveis mínimos esixibles.
  • Incentivación da acreditación lingüística na promoción e mobilidade dos profesores de disciplinas non lingüísticas.
  • Revisión e axilización do procedemento de homologación de titulacións e cambios normativos para a incorporación do profesorado nativo para o apoio á docencia de linguas estranxeiras.
  • Regulación da acreditación da competencia lingüística básica na formación inicial dos docentes, ligada aos resultados do master de secundaria ou vinculada a unha eventual reforma da normativa de especialidades de primaria en que se esixa un determinado nivel de competencia para impartir materias en lingua estranxeira.
  • Realización de probas homologadas en colaboración coas Comunidades Autónomas para a certificación oficial do coñecemento das linguas cursadas polos alumnos de educación secundaria e formación profesional.
  • Establecemento de novos currículos mixtos impartidos en dous idiomas conducentes a unha dobre titulación, mediante a subscrición de acordos cos Gobernos doutros países.
  • Establecemento de aspectos básicos do currículo de novos idiomas en función da demanda.

Por último, o Programa establece para o período 2010-2011 outras medidas coordinadas coas Comunidades Autónomas como o recoñecemento de certificados de competencias en linguas estranxeiras, a proposta de creación dun grupo de formadores especializados en ensino bilingüe, ou reforzar a incorporación da segunda lingua estranxeira na Educación Obrigatoria.

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles