Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

Sanidade e Educación presentan unha guía para promover e mellorar a formación en saúde nos centros educativos

26 de agosto de 2010

O documento é froito da colaboración entre ambos os dous ministerios e as CCAA

  • Guía "Gañar saúde na escola"
  • A guía vai destinada a toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais
  • Entre os seus contidos inclúe, entre outros, aspectos relacionados coa actividade física e a alimentación saudable, así como a prevención de drogodependencias (alcohol, tabaco, etc.)
  • A guía é a culminación dun proxecto de colaboración en que non só participaron ambos os dous ministerios, senón tamén as Comunidades Autónomas


A ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, e o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, presentaron hoxe o documento Gañar en saúde na escola. Guía para conseguiro. Trátase dun texto froito da colaboración entre ambos os dous ministerios que quere ser unha ferramenta de traballo áxil e sinxela para reforzar as accións de promoción e educación da saúde de forma transversal nos centros escolares.

A guía forma parte dun proxecto en que ambos os dous ministerios levan traballando desde 2006, coa participación de todas as Comunidades Autónomas (tanto no ámbito educativo coma sanitario), para fixar criterios de calidade de cara a desenvolver programas e actuacións de promoción e educación para a saúde no sistema educativo.

O documento está dirixido a toda a comunidade educativa (profesorado, alumnos e asociacións de nais e pais) e aos profesionais sanitarios. O seu obxectivo fundamental é garantir unha capital básica de saúde a toda a poboación escolar e orientar os profesionais para unha mellor introdución dos contidos de promoción e educación para a saúde de forma planificada nos centros educativos.

Esencial para a saúde pública

A importancia dunha guía destas características reside en que a educación para a saúde é un elemento esencial en saúde pública, pois constitúe un elemento decisivo para a adquisición de hábitos de vida saudable e previr condutas de risco na poboación . Ademais, a educación é un dos determinantes sociais de saúde máis importantes e os centros de ensino son escenarios potenciais para reducir as desigualdades en saúde por dous motivos:

  1. Unha boa educación é un seguro de primeira orde para manter e fomentar a saúde ao longo da vida (as persoas con maiores niveis educativos viven máis e mellor).
  2. Os centros educativos poden desenvolver accións claves para garantir unha capital de saúde a todos os nenos.

Contidos

A guía facilita a introdución nos centros escolares (infantil, primaria e secundaria) do nivel troncal básico en promoción e educación para a saúde que se recolle na Lei Orgánica de Educación (LOE), de xeito que os contidos sexan homoxéneos en todos os centros. En concreto, oriéntase sobre as seguintes áreas:

  • Actividade física (promoción do exercicio físico, etc.).
  • Alimentación saudable (promoción de dietas saudables, etc.).
  • Benestar e saúde emocional (saúde mental, favorecer a autoestima, etc.).
  • Educación afectivo-sexual (loita contra a discriminación por cuestións de xénero, prevención de infeccións de transmisión sexual, etc.).
  • Seguridade e prevención de riscos e lesións non intencionadas (promover o uso de dispositivos de seguridade no uso de vehículos, en actividades deportivas, etc.).
  • Educación sobre drogas, alcohol e tabaco (promover estilos de vida libre do uso de drogas, reducir a súa incidencia, etc.).
     

Cada unha destas áreas desenvólvese arredor de catro dimensións de intervención:

  1. A curricular.
  2. A do medio interno do centro.
  3. A familiar.
  4. E a dimensión de coordinación e aproveitamento de recursos externos.

Ademais, o documento recolle tamén opcións para profundar en cada unha das áreas en función das necesidades específicas de cada centro.

Educar en nutrición

Entre todos os contidos recollidos na guía, destacan as relacionadas coa actividade física e a alimentación saudable. Non en van, os datos actuais mostran que un dos maiores problemas entre o alumnado español é o aumento do sedentarismo e do sobrepeso .

Neste sentido, a loita contra a obesidade, sobre todo na infancia, é unha das liñas fundamentais de traballo do Ministerio de Sanidade e Política Social e a súa abordaxe está en liña cos obxectivos da Lei de Seguridade Alimentaria e Nutrición, que está na súa última fase.

Deste xeito, a guía orienta sobre como promover unha alimentación saudable ou como incrementar a dedicación do tempo libre dos alumnos á actividade física, tanto dentro (supervisión de menús comedores escolares, etc.) como fóra da escola ao tempo que se implica tamén ás familias.

Difusión

A guía difundirase amplamente entre os colectivos a que vai dirixido, especialmente no ámbito educativo, aínda que tamén está dispoñible nas páxinas web dos ministerios de Sanidade e Política Social  e de Educación  

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles