Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

A convocatoria 2010 de Campus de Excelencia Internacional recibe 48 proxectos de agregamento presentados por 64 universidades de toda España

10 de xuño de 2010

Consolídase o novo modelo de Campus de Excelencia Internacional impulsada polo Ministerio de Educación

  • 32 dos proxectos solicitados son novos e 16 presentáronse na primeira convocatoria (CEI 2009) e foron seleccionados para a avaliación internacional.
  • O número de universidades participantes elevouse tanto no caso das universidades públicas (un 84% en 2009 e un 100% este ano) como no das privadas (un terzo participaron en 2009 e este ano fano a metade).
  • Nesta segunda convocatoria do Programa CEI presentáronse proxectos cun maior grao de agregamento entre universidades, Organismos Públicos de Investigación e outras entidades, e deuse un maior énfase á especialización dos proxectos de campus.
  • Priorizáronse como novidade os aspectos de internacionalización en ámbitos transfronteirizos e xeoestratéxicos (Atlántico, Portugal, os Pirineos, o Mediterráneo e Iberoamérica).

Un total de 64 universidades españolas participan nos 48 proxectos de agregamento que foron presentados á convocatoria 2010 do Programa Campus de Excelencia Internacional (CEI) que xestiona o Ministerio de Educación en coordinación co Ministerio de Ciencia e Innovación. Deles, 32 son novos, mentres que o resto, un total de 16, xa se presentaron na convocatoria de 2009 sendo seleccionados para a avaliación internacional. Agora solicitan unha nova cualificación ou financiamento adicional.

A totalidade das 50 universidades públicas españolas e a metade das privadas están presentes nos proxectos presentados, intervindo algunhas universidades en máis dun proxecto e estando a maior parte dos proxectos participados por máis dunha universidade. Neste sentido hai que sinalar o esforzo de planificación estratéxica que realizaron as universidades baseandose na política de agregamento, así como o ascenso no número de universidades participantes: elevouse tanto no caso das universidades públicas (un 84% en 2009 e un 100% este ano) como no das privadas (un terzo participaron en 2009 e este ano fano a metade).

A convocatoria está coordinada co Ministerio de Ciencia e Innovación a través da súa convocatoria INNOCAMPUS. Ademais, conta coa participación doutras institucións públicas (como o Ministerio de Vivenda) e privadas (como a Fundación ONCE e a Fundación para o Desenvolvemento da Sociedade da Información e a Administración Electrónica).

O programa CEI encádrase na Estratexia Universidade 2015 para a modernización da Universidade española. Persegue a consolidación dun novo modelo de desenvolvemento de ámbito académico, científico e emprendedor baseado no agregamento de entidades e integrado no territorio. Os proxectos de agregamento estratéxicos presentados polas diferentes universidades, e outros organismos de investigación como o CSIC, buscan unha mellora que as sitúe no horizonte 2015 nos máis esixentes estándares de excelencia e calidade nas súas catro áreas de actividade (docente, investigación, innovación e medio). O programa CEI apoia tamén as melloras relacionadas coa implantación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Así mesmo, entre os obxectivos do programa encóntrase o desenvolvemento de campus saudables, accesibles, inclusivos e sostibles.

Nesta segunda convocatoria os proxectos de agregamento solicitados puxeron un maior acento nas alianzas e na especialización, apostando por proxectos máis integradores. No referente á especialización dos proxectos de agregamento de campus solicitados, obsérvase unha maior diversificación (enerxía, medio ambiente, turismo, desenvolvemento sostible, saúde, calidade de vida, discapacidade, agroalimentación, tecnoloxías mariñas, TIC, Patrimonio cultural, etc.). Por outra banda cabe resaltar no ámbito da internacionalización os proxectos transfronteirizos e xeoestratéxicos que propón campus relacionados co Atlántico, Portugal, os Pirineos, o Mediterráneo e Iberoamérica.

Proceso de selección

O proceso de xestión da convocatoria CEI 2010 conta cunha primeira avaliación a cargo dunha Comisión Técnica formada por 21 expertos de recoñecido prestixio que tras as reunións que manterá a finais de xuño emitirá a correspondente resolución a mediados de xullo. Na devandita resolución determinaranse os proxectos financiados no subprograma de Fortalecemento (dotado con 13,5 M € e cuxa financiamento solicitaron 42 dos proxectos), e tamén se seleccionarán os proxectos do subprograma de Excelencia que deberán optar á segunda fase (destinaranse 2 M € de axuda para que detallen máis en profundidade o proxecto e poidan preparar a súa presentación pública).

Os proxectos do subprograma de Excelencia presentados a esta segunda fase a mediados de setembro serán avaliados por unha Comisión Internacional. Espérase que a finais de outubro poida ser publicada a resolución final. Así mesmo celebrarase unha Xornada pública a mediados de outubro en que serán presentados os proxectos seleccionados nesta segunda fase e que optan á cualificación de "Campus de Excelencia Internacional".

 Consulte os proxectos de agregamento participantes 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles