“Europa escríbese con E de Educación”, afirma Ángel Gabilondo durante a súa comparecencia ante o Parlamento Europeo
Comparecencia de Ángel Gabilondo
O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, compareceu ante o Parlamento Europeo co obxecto de realizar un balance do labor desenvolvido durante a Presidencia Española da UE en materia educativa e formativa.
Neste sentido, Gabilondo destacou que por primeira vez, e baixo Presidencia Española, a educación foi asumida como unha prioridade polo Consello Europeo de Xefes de Estado e de Goberno, tal e como ratificaron na súa reunión do pasado 17 de xuño.
En concreto, os máximos responsables políticos dos Executivos comunitarios acordaron incorporar na Estratexia Europa 2020 dous obxectivos fundamentais para os cidadáns europeos, así como para o modelo económico e produtivo da UE: reducir o abandono escolar a menos do 10 por cento, e conseguir que polo menos o 40 por cento da poboación de entre 30 e 34 anos finalice estudos de formación superior ou equivalente.
"Todos debemos felicitarnos pola consecución deste gran obxectivo. Por primeira vez existe unha vontade a nivel europeo de establecer un novo vínculo entre economía e educación. Un vínculo que reforza a idea dunha Europa Social ao situar a educación no corazón da economía. Por primeira vez Europa escríbese coa E de Educación", afirmou o ministro de Educación durante a súa intervención.
Pero a aposta de España pola Educación durante o semestre de Presidencia caracterizouse tamén por impulsar outros aspectos da Educación como reforzar a súa dimensión social, promover a implantación das competencias clave da formación que reciben os europeos para que lles ofreza novas capacidades para a obtención de novos empregos, e por impulsar o Espazo Europeo do Coñecemento co obxecto de modernizar e internacionalizar as universidades.
Dimensión social da Educación e a Formación
En ámbito da dimensión social, o Consello de Ministros de Educación do mes de maio acadou un documento en que se convida aos Estados membros a considerar medidas para todos os niveis educativos de cara á ampliar o acceso a unha educación de alta calidade, facendo especial fincapé nun sistema de educación infantil de calidade. Ademais, própónse a adquisición de competencias clave en colexio, especialmente literatura e matemáticas.
Os ministros de Educación acordaron tamén un impulso dos recursos para a adquisición de novas competencias por parte das persoas adultas, a integración dos sistemas de formación profesional nos sistemas xerais mediante itinerarios e pasarelas flexibles, así como a ampliación do acceso ao ensino superior de todos os alumnos con apoio financeiro e itinerario flexibles e diversificados para garantir que todos - incluída a poboación adulta - teñan acceso ás competencias básicas.
"Considero que existe un consenso e unha convicción para que os sistemas educativos aseguren a igualdade social e a excelencia académica, asumindo que equidade e excelencia non son excluíntes senón complementarias", afirmou Gabilondo no Parlamento Europeo.
Novas capacidades e Espazo Europeo do Coñecemento
A actividade tamén se centrou na definición dunha estratexia sobre competencias en apoio da formación permanente denominada "Nova capacidades para novos empregos". Céntrase en potenciar a adquisición, actualización e desenvolvemento das competencias clave en todos os niveis da educación e a formación; preparar os docentes, formadores e equipos directivos para este cambio de paradigma; achegar o mundo educativo e da formación ao mundo en xeral, especialmente ao laboral e empresarial e avaliar, acreditar e recoñecer as competencias adquiridas en medios de aprendizaxe formal, non formais e informais.
Para o logro destes fins, os Estados membros e a Comisión comprométense a apoiar o desenvolvemento profesional inicial e permanente de todos os actores do mundo educativo e formativo, así como a potenciar o traballo en colaboración cos axentes sociais e os servizos públicos de emprego para achegar a educación e a formación ás empresas e empregadores.
Tamén se instou aos países membros a adoptar unha auténtica cultura internacional nas institucións de educación superior, incrementando a súa actividade e a súa dimensión global. Para iso pídese promover a dimensión internacional e a responsabilidade social das universidades a través da cooperación entre as institucións de educación superior de diferentes países, garantindo o acceso equitativo dos cidadáns ás universidades e á mobilidade.
Ademais, convidouse a Comisión a desenvolver unha estratexia europea neste sentido, que coordine as distintas iniciativas xa existentes e promova a proxección internacional da educación superior da UE.
Por último, durante os seis meses de Presidencia Española da UE, debateuse sobre a Nova Xeración de Programas educativos europeos entre os que destaca a iniciativa "Mocidade en Movemento" que será definida nos próximos meses.
Para finalizar a súa intervención, o ministro de Educación de España agradeceu á Comisión Europea e, en especial, á comisaria de Educación, Cultura, Multilingüismo e Mocidade, Androulla Vassiloiu, e aos responsables educativos dos Estados Membros o seu traballo, apoio e dedicación.