A Conferencia Xeral de Política Universitaria (CGPU), presidida polo ministro Ángel Gabilondo, acordou hoxe o número de prazas que ofertarán as universidades no curso 2010-2011, cun ascenso da oferta en medicina (7,1% máis de prazas que o curso anterior). Tamén se fixou o marxe de prezos públicos para as primeiras matrículas dos estudos universitarios.
A CGPU, máximo órgano de coordinación entre as administracións autonómicas e o Ministerio en materia de Universidades, ten entre as súas competencias a de acordar a oferta de prazas para cada curso seguinte. A principal novidade este ano radica en que todas as titulacións estarán adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior, polo que xa non haberá oferta de novas prazas en licenciaturas (substituídas polos graos).
O curso que vén ofertaranse, en total, 2.387 graos e 3.089 másters nas universidades españolas públicas e privadas. A oferta global de prazas de novo ingreso (336.165) mostra unha leve diminución con respecto ao curso anterior (341.332), algo que se explica porque moitas das novas titulacións que se puxeron en marcha o ano pasado sen referencia histórica axustaron agora a súa oferta contando cos datos do ano anterior.
As prazas de medicina acadarán as 6.673, aumentando un 7,1% con respecto ao ano anterior (6.229 prazas propostas). O incremento foi do 41,2% desde o curso 2006-2007.
No curso 2006/2007 o Ministerio de Educación, de acordo co Ministerio de Sanidade e Política Social, comprometeuse a xerar 2000 novas prazas de medicina en cinco anos; transcorridos só catro desde entón logrouse xa o compromiso. O Ministerio de Sanidade e Política Social foi informado do incremento, e transmitiu a súa felicitación ás universidades polo esforzo realizado.
Prezos públicos
A CGPU tamén fixou a pinza dentro da cal se poden actualizar os prezos públicos para as primeiras matrículas dos estudos conducentes a títulos universitarios oficiais para o curso 2010-2011. No caso dos graos, esa pinza situarase este ano entre o 1,5% e o 5,5%.
Isto significa que as Comunidades Autónomas poderán manter os mesmos prezos públicos oficiais que se estableceron para o curso 2009-2010 incrementados unicamente coa taxa de variación interanual do Índice Nacional Xeral de Prezos de Consumo desde o 30 de abril de 2009 ao 30 de abril de 2010 (1,5%). En caso de decidir un aumento maior dos prezos, estas Comunidades non poderían incrementaros máis alá do 5,5%.
Este ano, o Ministerio de Educación incrementou os recursos orzamentarios para bolsas e axudas un 3,5% (aumento de 40 millóns de euros), e introduciu novidades. Poténcianse fortemente as bolsas salario (dotación de 3.500 euros), cuxo obxectivo é compensar a ausencia de ingresos que comporta a dedicación plena ao estudo, coas seguintes melloras: ampliación do número de beneficiarios, actualización do limiar de renda familiar para a percepción desta bolsa nun 2,6%, elevación das contías nun 25% para os estudantes universitarios e ata nun 10,5% para os estudantes de Formación Profesional, e dotación de 82 millóns de euros máis para este tipo de bolsas.
Outra novidade é que no curso 2010-2011 poderá optar á gratuidade da matrícula calquera estudante universitario dunha familia de 4 membros cunha renda de ata 38.831 euros. Polo tanto, xunto aos estudantes que pertencen a familias numerosas e a aqueles que padecen algunha discapacidade, o 56,9% dos estudantes estaría en condicións, desde o punto de vista da súa renda familiar, de obter unha bolsa que cobre o importe da súa matrícula na universidade.