O investimento total será de máis de 1.200 millóns de euros
O Consello de Ministros aprobou o Real decreto que establece as bases de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo do Ministerio de Educación para o curso 2010-2011 que reflicten a aposta decidida do Goberno por manter a dimensión social da educación e o fomento da equidade e a igualdade de oportunidades.
Así demóstrao o feito de que esta convocatoria xeral de bolsas contempla un aumento do 3´5% da contía destinada a axudas ao estudo para o próximo curso, é dicir, un investimento total de 1.203 millóns de euros para todos os cursos da educación postobrigatoria.
Increméntase, ademais, a partida orzamentaria para a modalidade de axuda creada o ano pasado, coñecida como bolsa salario, e que ten como obxectivo compensar a ausencia de ingresos que comporta a dedicación plena aos estudos universitarios. Para o próximo curso o Goberno eleva o diñeiro destinado a este tipo de bolsas en 82 millóns de euros, actualiza o limiar de renda familiar nun 2´6% co fin de evitar a eventual expulsión de beneficiarios como consecuencia dos incrementos salariais, e estende estas bolsas salario aos estudos de ciclos formativos de grao superior. O Ministerio de Educación espera que con estas modificacións se incremente nun 285% o número de alumnos que se beneficien dela.
No referente aos parámetros establecidos para poder ser beneficiario destas axudas, o Goberno establece unha modificación no caso das familias con rendas máis baixas, o coñecido como limiar 1. Esta modalidade increméntase nun 2´6% cumprindo así coa subida interanual dos salarios pactados en 2008 a 2009. Ademais axústanse os limiares correspondentes aos valores catastrais das propiedades rústicas e urbanas pertencentes á unidade familiar nun 1% e mantéñense os demais limiares de patrimonio familiar establecidos en 2009-2010.
As medidas aprobadas polo Consello de Ministros teñen como fin garantir que todos os cidadáns que cumpran os requisitos teñan acceso ás axudas necesarias para seguir estudando porque a obtención dunha bolsa é un dereito non supeditado á dispoñibilidade orzamentaria.