Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

O Escorial acolle un curso de formación para avanzar no recoñecemento da experiencia como competencia profesional

12 de marzo de 2010

Froito do convenio entre os ministerios de Igualdade e de Educación, o Servizo Público de Emprego Estatal ( Ministerio de Traballo e Inmigración) e a UNED

  • Desenvolverase, en primeiro lugar, nos ámbitos da educación infantil e a atención a persoas dependentes

O Escorial acolle entre os días 12 e 14 de marzo o primeiro dunha serie de cursos de formación que, baixo o título ACREDITA-T, ten como obxectivo avanzar no procedemento para a acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral ou a través de vías non regradas de formación no ámbito da educación infantil e a atención a persoas dependentes. O curso foi inaugurado hoxe pola directora xeral de Igualdade no Emprego do Ministerio de Igualdade, Capitolina Díaz, e o reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), Juan A. Gimeno. Na súa clausura contará coa participación do director xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación, Miguel Soler.
Este curso derívase das medidas recollidas no convenio de colaboración que subscribiron os ministerios de Igualdade e de Educación, o Servizo Público de Emprego Estatal e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) o pasado 21 de decembro para o desenvolvemento do Real decreto 1224/2009 do 17 de xullo de 2009.
O devandito convenio ten como finalidade a posta en marcha de actuacións dirixidas a dar a coñecer entre as mulleres susceptibles de ser candidatas, e entre os responsables do asesoramento e avaliación das Comunidades Autónomas, as características do procedemento de recoñecemento da experiencia laboral como competencia profesional naqueles aspectos que poidan incidir positivamente na igualdade efectiva entre homes e mulleres.
O acordo recolle fundamentalmente unha serie de actuacións de formación que se desenvolverán ao longo de 2010. Así, as máis de 70 persoas que recibirán formación neste curso serán as encargadas de formar a outras 3.000 persoas que serán finalmente quen realicen as funcións de orientación, asesoramento e avaliación de cada currículo nesta primeira edición de acreditación de competencias dirixidas aos ámbitos de atención a menores e coidado de persoas dependentes.
O importe total das actuacións previstas para o desenvolvemento deste convenio ascende a 1.900.000 euros, de que o Ministerio de Igualdade achega 1.600.000 euros. O resto de asinantes achegan 100.000 euros cada un deles.
O "Curso de Formación de Formadoras e Formadores" do Escorial será clausurado o domingo 14 de marzo polo director xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación, Miguel Soler, o subdirector xeral do Servizo Público de Emprego Estatal do Ministerio de Traballo e Inmigración, Adolfo Hernández, e o subdirector xeral de Fomento da Igualdade na Empresa, Negociación Colectiva e Ordenación Normativa do Ministerio de Igualdade, Ángel Melchor Celada.


 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles