Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

O Ministerio de Educación inviste 100 millóns de euros en 2010 no Plan Educa3 para crear prazas educativas de 0 a 3 anos

30 de marzo de 2010

O Consello de Ministros aprobou hoxe, a proposta do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, o reparto entre as Comunidades autónomas de 100 millóns de euros neste ano 2010, correspondentes ao Plan Educa3. As comunidades autónomas achegarán unha cantidade igual xa que O financiamento se realiza ao 50 por cento entre o Ministerio de Educación e as Comunidades Autónomas.

Este plan ten como finalidade crear 300.000 prazas educativas de calidade de 0 a 3 anos no período 2008-2012. O Plan Educa3 empezou a aplicarse o ano pasado e supón un investimento total de 1087 millóns de euros entre 2008 e 2012.

Este investimento destínase á construción de novas escolas de educación infantil; á adaptación de edificios xa construídos para albergar novas escolas e á ampliación das xa existentes.
Educa3 ten o obxectivo de atender a necesidade das familias de conciliar a vida persoal e laboral e responder á crecente demanda para escolarizar aos nenos entre 0 e 3 anos. Así mesmo, o impulso da creación dunha rede de centros de carácter educativo responde ao compromiso do Goberno de fomentar a escolarización temperá, factor clave para o posterior éxito escolar dos alumnos como demostran os estudos educativos, e ofrecer unha educación de calidade desde os primeiros anos de vida.

Educa3 é unha aposta educativa e social do Goberno de España para conseguir un sistema flexible, con máis oportunidades para todos, capaz de adaptarse ás necesidades dos nenos, dos mozos e dos pais.

Neste curso 2009-2010 encóntranse escolarizados neste período educativo 426.000 nenos, un aumento do 11 por cento con respecto ao curso anterior.

Compromiso de calidade

O impulso á rede de centros educativos de educación infantil responde ás condicións de calidade e equidade recollida na LOE, tanto canto ás instalacións como ás titulacións dos profesionais de atención directa aos nenos de 0 a 3 anos.

Así, os espazos deberán deseñarse e organizarse con intención educativa, serán espazos diferenciados segundo idades e que reúnen as condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, de seguridade e de accesibilidade que sinale a lexislación vixente.

Da mesma maneira, os centros contarán cun número suficiente de profesionais coa formación e titulación axeitada que se require para a atención nestas idades así como cun número suficiente de mestres titulados en educación infantil.

100 MILLÓNS PARA 2010

O reparto dos 100 millóns de euros para este ano foi acordado nas Conferencias Sectoriais de Educación e de Política Social e é o seguinte:
 

Comunidade autónoma Contía
Total 100.000.000 €
Andalucía 20.441.561
Aragón 3.020.662
Asturias (Principado de) 1.788.365
Illes Balears 2.577.262
As Canarias 4.796.440
Cantabria 1.190.613
Castela e León 5.040.282
Castela-A Mancha 5.097.809
Cataluña 17.420.144
Comunitat Valenciana 11.440.534
Estremadura 2.433.680
Galicia 5.276.696
Madrid (Comunidade de) 14.825.787
Murcia (Rexión de) 3.933.491
A Rioxa 716.674

 

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles