Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

Aprobada o investimento de nove millóns de euros para a mellora das bibliotecas escolares

30 de marzo de 2010

O Consello de Ministros aprobou, a proposta do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, unha partida de nove millóns de euros para a mellora das bibliotecas. O obxectivo é impulsar a lectura tanto entre os alumnos como no resto da comunidade educativa.

Este orzamento enmárcase no Plan de mellora de bibliotecas escolares que comezou en 2005 co obxectivo de mellorar as dotacións de libros de lectura e materiais educativos, así como os equipos necesarios para a súa xestión. O investimento realizado desde entón por parte do Ministerio suma un total de 70 millóns de euros.

Ademais, o plan de mellora das bibliotecas escolares concíbese como un programa de cooperación coas Comunidades Autónomas, xa que estas comprométense a achegar unha cantidade igual a que reciben por parte do Ministerio de Educación.

Estes fondos que se distribúen entre as diferentes Comunidades Autónomas van destinados ao incremento das dotacións bibliográficas, audiovisuais e informáticas, así como outros gastos necesarios para a mellora da calidade das bibliotecas escolares.

Igualmente, entre os obxectivos principais deste programa destaca a mellora da accesibilidade das bibliotecas escolares fóra do horario lectivo, así como a formación do profesorado na integración da biblioteca escolar na súa actividade docente.

O acordo aprobado hoxe forma parte dun conxunto de accións para a mellora das bibliotecas escolares dos centros de toda España, que inclúen convocatorias de premios e axudas, a integración das bibliotecas escolares no Consello de Cooperación Bibliotecaria, o fomento da cooperación entre as administracións educativas e a difusión de boas prácticas sobre bibliotecas escolares.

A Lei Orgánica de Educación presta unha especial atención á mellora dos hábitos de lectura entre os escolares de todas as etapas. Ademais recolle esta orientación entre os principios xerais do sistema educativo, incorpora na educación infantil a lectoescritura e establece en primaria a obrigatoriedade de dedicar un tempo mínimo diario á lectura así como a necesidade de traballar a lectura en todas as áreas en Secundaria. Pola súa banda, no bacharelato búscase afianzar os hábitos de lectura mediante actividades que estimulen o interese polos libros e a capacidade de expresarse correctamente en público.

Criterios de distribución

A distribución dos fondos lévase a cabo tendo en conta os seguintes criterios:

  • Número de centros públicos que imparten Educación infantil, Educación primaria, Educación Secundaria, Formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e centros específicos de Educación especial na Comunidade Autónoma (ponderación 60%).
  • Número de alumnos das ensinanzas indicadas no apartado anterior en Centros públicos da Comunidade Autónoma (ponderación 40%).


Da aplicación destes criterios resulta a seguinte distribución por comunidades autónomas:

 

Comunidade autónoma Contía
Andalucía  2.063.455
Aragón  285.669
Asturias (Principado de)  181.411
Illes Balears  179.396
As Canarias  483.382
Cantabria  107.461
Castela e León  503.880
Castela-A Mancha  492.883
Cataluña  1.542.297
Comunitat Valenciana  931.222
Estremadura  286.080
Galicia  628.740
Madrid (Comunidade de)  945.460
Murcia (Rexión de)  314.430
A Rioxa  54.234

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles