O Consello de Ministros, a proposta do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, aprobou o Real decreto que modifica o Real decreto de autorizacións de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral, o Real decreto de autorización para impartir ensinanzas artísticas e o Real decreto de réxime de centros docentes estranxeiros en España.
Esta nova normativa aprobouse no marco das modificacións normativas necesarias para suprimir barreiras ao acceso e exercicio de servizos no ámbito da educación e así axeitar a lexislación á lei 17/2009 sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.
As principais novidades introducidas son as seguintes:
• As modificacións aprobadas sobre os reais decretos de centros privados de réxime xeral e de ensinanzas artísticas son normas aplicables exclusivamente en Ceuta e Melilla
- incluiuse unha fase previa de carácter voluntario para que o titular dun centro docente consulte á Administración educativa a viabilidade do centro proxectado.
- Eliminouse toda mención a unha autorización previa e outra definitiva. A autorización provisional substituiuse por un informe preceptivo e vinculante.
- reducíronse os prazos de resposta da Administración educativa.
- simplificáronse os procedementos de autorización, tratando de eliminar trámites innecesarios e facilitar aos interesados a súa realización.
• En relación cos centros docentes estranxeiros en España, a principal novidade é a identificación dos supostos en que se esixe solicitar unha nova autorización de apertura e funcionamento. Deste xeito, os cambios non esenciais nas condicións de prestación do servizo non esixirán, como ata agora, a tramitación dunha nova autorización.