Aprobado o Real decreto que ordena a obtención dos títulos de Bacharelato de España e Francia en centros educativos españois
05 de febreiro de 2010
O Consello de Ministros, a proposta do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, aprobou o Real decreto que ordena a obtención da dobre titulación de Bacharelato e o seu equivalente francés (Baccalauréat) en centros docentes españois.
Esta norma ordena as ensinanzas acollidas ao Acordo subscrito en 2008 entre os Gobernos de España e Francia.
A partir de agora os centros escolares españois que desexen ofrecer as ensinanzas conducentes á dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat, deberán impartir un currículo mixto que, ademais das ensinanzas do bacharelato español, cumpra con tres requisitos:
- O currículo mixto incluirá, canda as materias propias do bacharelato español, tres materias específicas: lingua francesa, literatura e cultura francesa e, polo menos, unha materia non lingüística do ámbito das ciencias sociais ou do ámbito científico.
- O alumnado acollido a este programa deberá recibir, polo menos, un terzo do horario lectivo en lingua francesa no conxunto do Bacharelato (12 horas semanais). En todo caso, as materias específicas do currículo mixto impartiranse en lingua francesa; a inclusión doutras materias dependerá da carga lectiva da terceira materia elixida (a materia non lingüística).
- O alumnado que desexe obter a dobre titulación realizará unha proba externa sobre as materias específicas do currículo mixto correspondentes ao segundo curso de Bacharelato. Realizaranse integramente en lingua francesa, poderán ser escritos e/ou orais e serán avaliados por examinadores españois e franceses. Os centros escolares que impartan este currículo mixto serán seleccionados polas Administracións educativas correspondentes, que comunicarán a relación de centros autorizada ao Ministerio de Educación, que dará conta da devandita relación á parte francesa.
É un acordo recíproco, de xeito que España obrigouse a expedir o título de Bacharelato ao alumnado das seccións internacionais de lingua española en centros franceses.