Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Consello de Ministros

Aprobado o título de Técnico Deportivo en Espeleoloxía

29 de xaneiro de 2010

O Consello de Ministros, a proposta do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, aprobou o Real decreto que establece o título de Técnico Deportivo en Espeleoloxía, fíxanse as súas ensinanzas mínimas e regúlanse as súas condicións de acceso.



Mediante a aprobación deste Real decreto, iníciase a oferta de ensinanzas deportivas da Lei Orgánica de Educación. Neste ámbito o principal cambio que introduciu a LOE é dar rango académico de técnicos e de técnicos superiores a estas ensinanzas.


O técnico deportivo é unha figura clave dos procesos de iniciación e especialización técnica dirixidos ao alto rendemento da modalidade deportiva. A formación do técnico deportivo é un requisito fundamental para a dirección e mellora cualitativa dos programas de promoción e tecnificación deportiva.


O proxecto vai dirixido a todos aqueles que desexen desenvolver un perfil profesional vinculado a:



  • A iniciación e tecnificación deportiva na modalidade de espeleoloxía.

  • A organización de eventos no nivel de iniciación e tecnificación deportiva na modalidade.

  • A condución de deportistas por itinerarios espeleolóxicos en cavidades con e sen curso hídrico activo.


A modalidade de espeleoloxía esta recoñecida polo Consello Superior de Deportes, de acordo coa Lei do Deporte. Así mesmo, a súa práctica organízase a través da Federación Española de Espeleoloxía.


A Federación veu realizando a formación de técnicos deportivos nesta especialidade desde o ano 1981 ata agora. Con este Real decreto, ábrese a posibilidade dun recoñecemento oficial para os efectos de equivalencia profesional, validación ou homologación de todos os técnicos formados ata agora.


Este colectivo está constituído por aproximadamente 650 técnicos formados pola federación española ou autonómica de espeleoloxía.


 


 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles