O Consello de Ministros aprobou, a proposta do Ministerio de Educación, modificar o Real decreto de febreiro de 2007 por que se aproba o regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei Orgánica de Educación
Este é o primeiro ano en que se está impartindo nas universidades españolas o Máster de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas. Este máster é consecuencia da adaptación do noso sistema universitario ao Espazo Europeo de Educación Superior e constitúe un paso decisivo para conseguir unha formación de calidade para os nosos profesores e para o conxunto do sistema educativo.
Ter este máster é un requisito obrigatorio para todos os que participen en oposicións para acceder aos corpos docentes non universitarios.
Coa modificación hoxe acordada polo Consello de Ministros, todos aqueles que este ano se presenten a estas oposicións poderán acreditar que teñen este máster unha vez que aproben a oposición e non no momento de asinar a instancia para presentarse aos exames. Desta forma terán tempo de acabaro e presentarse aos procesos de selección.
Esta medida é unha das 11 que se aprobaron, co acordo de reitores e comunidades autónomas, en xuño do pasado ano para facilitar a súa posta en marcha e aplicarase só este ano por ser o primeiro en que se imparte o máster.