Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

Prioridades en materia de Educación durante a Presidencia española da UE

04 de xaneiro de 2010

España afronta a Presidencia da Unión Europea nuns momentos de graves dificultades económicas, de tal xeito que a loita contra a crise, o fomento do emprego e o impulso dun novo modelo de crecemento máis sostible no social, o económico e o ambiental constitúen os retos fundamentais da tarefa que ten que realizarse máis especificamente durante este semestre.

Neste contexto a educación, a formación, a innovación, a xeración e a transferencia de coñecemento van ser fundamentais na consecución da nova economía baseada no coñecemento en toda Europa.

Educación e formación son sinónimos de liberdade, de igualdade, de cohesión, que son valores esenciais na Europa do século XXI. Máis educación de calidade e para todos, esa é a ambición do Goberno para España e ese é o eixe sobre o que se asentará o traballo do Goberno nesta materia durante o período da Presidencia da Unión Europea.

Por iso imos afrontar este desafío coa convicción e a vontade de que é posible unha nova economía ao servizo do benestar social para toda a cidadanía europea. Un dos meus obxectivos é pór á Educación no corazón da nova estratexia de Lisboa así como xerar un Espazo Europeo de Educación superior no ámbito comunitario. A proposta española vaise a centrar na dimensión social da educación en Europa, temos que garantir a mobilidade non só para aqueles que teñen posibilidades, a igualdade de oportunidades e a efectiva equiparación de sistemas.

O Goberno afronta esta Presidencia Europea desde o convencemento de que para conseguir unha Europa social e unha economía ao servizo da sociedade, esta ten que estar baseada na educación, a formación e o coñecemento. A educación como corazón da economía.

Agora é máis evidente que nunca que a estratexia que dea resposta tanto ás necesidades inmediatas de relanzamento económico como á sostibilidade no desenvolvemento económico e social con vistas dunha perspectiva superior, pasa pola consideración de que a educación e a formación son os factores clave para desenvolver a competitividade e a cohesión social da Unión Europea. Por iso resulta de capital importancia dar un gran impulso a esta misión da educación e a formación como motores do desenvolvemento e o benestar social europeo e así acordouno o trío, acordámolo, na nosa axenda política.

Dar resposta aos grandes retos globais a que se enfrontan as nosas sociedades, enerxía, cambio climático, alimentación, auga, migración, loita contra a pobreza, etcétera, pasa tamén por situar a educación e á formación como fundamentos da sociedade do coñecemento desta nova era. A investigación e a innovación constitúen así mesmo piares básicos da sociedade do coñecemento, pero a Presidencia española ten que engadir un novo piar, o da dimensión social e a responsabilidade social da educación en todos os seus niveis, especialmente na educación superior.

Así mesmo se precisa unha política de bolsas que garanta a efectiva mobilidade, clave da apertura e do recoñecemento da diferenza. Ao respecto, o desafío da interculturalidade na educación require accións específicas.

É indispensable unha Europa que faga do coñecemento un factor clave no desenvolvemento e a equidade social. É imprescindible que o Espazo Europeo de Educación Superior non sexa o da uniformidade senón que garanta a diversidade pero con sistemas equiparables, comparables e compatibles para o recoñecemento dos estudos e das competencias e atribucións profesionais.

E por iso, imos subliñar desde a presidencia que para acadar estes obxectivos cómpre incrementar de maneira sostida os investimentos en educación e formación e tamén facero de maneira máis eficiente. E esta tarefa temos que promovera conxuntamente como sociedade.

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles