Ademais de estudar os contidos específicos da formación militar
Os ministros de Educación, Ángel Gabilondo, e de Defensa, Carme Chacón, asinaron hoxe na Academia Loxística do Exército de Terra de Calatayud un convenio que facilitará as accións necesarias para a obtención de títulos de Formación Profesional requiridos para a incorporación ás escalas de suboficiais e orientar a formación permanente de tropa e mariñeiría para que poidan adquirir, actualizar ou ampliar os seus coñecementos en beneficio do seu desenvolvemento profesional e persoal. Ata agora, a formación impartida para o acceso á escala de suboficiais nas Academias Militares era específica para os profesionais do Exército.
A partir de agora, os títulos que obteñan os suboficiais serán os de Formación Profesional. Para iso, o Ministerio de Educación autorizará as súas ensinanzas ás Academias Militares do Ministerio de Defensa, onde esta formación complementarase con outros estudos propios da carreira militar.
Algunhas das familias profesionais en que xa se iniciaron traballos conxuntos para desenvolver este convenio son: Electricidade e Electrónica, Edificación e Obra Civil, Marítimo – Pesqueira, Seguridade e Medio Ambiente ou Administración e Xestión.
Para pór en marcha este convenio constituiuse un grupo de traballo composto por representantes de ambos os dous Ministerios que xa está analizando aquelas titulacións de Formación Profesional máis relacionadas coa formación da carreira militar, así como a súa coordinación cos contidos específicos da formación militar xeral e específica.
O acordo prevé así mesmo fomentar o desenvolvemento profesional dos militares de tropa e mariñeiría a través da oferta anual de prazas en estudos destinados á obtención do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).