Consello de Ministros
O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, presentou un informe ao Consello de Ministros sobre o Pacto Social e Político pola Educación.
No devandito documento especifícanse os pasos dados ata agora e as razóns por que o Ministro considera que o Pacto é viable.
Tras varios meses de reunións e conversacións con diversos sectores representativos da comunidade educativa, dos grupos con representación parlamentaria e doutros ámbitos da sociedade, o Ministro de Educación comunicou á opinión pública a finais de decembro que o Pacto político e social pola educación é viable.
A necesidade do Pacto é aínda máis evidente nestes momentos en que o noso país está afrontando unha crise económica e pondo os cimentos para a súa recuperación a través dun novo modelo económico e produtivo. A sociedade española reclámao e considera que debemos afrontar este reto buscando o que nos une e sabendo construír consensos.
O pacto ten unha dobre finalidade. Por un lado, mellorar o sistema educativo e, por outro, a busca de ámbitos compartidos de actuación que garantan o equilibrio, a estabilidade, a cooperación e a coherencia do sistema a través dun marco común.
En atención á demanda social, o Presidente do Goberno propuxo ao Ministro de Educación como tarefa prioritaria traballar para lograr este Pacto.
Hai varias razóns por que o Ministro de Educación considera viable o Pacto:
1.- En primeiro lugar, hai unha enorme demanda social que, non só reclama a necesidade de forxar estes acordos, senón que evidencia un gran apoio e unha esixencia aos responsables públicos para traballar por estes. A sociedade espera que os responsables políticos esteamos á altura desa demanda: A educación acordada como a mellor garantía de futuro da nosa sociedade.
2.- mantivéronse reunións con todos e cada un dos Conselleiros de Educación das Comunidades Autónomas e tamén se celebraron reunións da Conferencia Sectorial de Educación, o Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria. En todas elas, os distintos responsables mostraron a súa dispoñibilidade e a súa vontade para chegar a acordos. E a súa confianza nesta posibilidade.
Na última reunión da Conferencia Sectorial de Educación presentouse un documento de bases para un Pacto, co obxecto de que as Comunidades Autónomas poidan achegar propostas e medidas concretas que serán definidas como texto na próxima conferencia sectorial do 27 de xaneiro.
3.- Así mesmo, nas conversacións cos distintos sectores da comunidade educativa, os sindicatos, os profesores, os representantes de pais e nais, así como os representantes dos alumnos, o Ministro de Educación constatou a vontade de traballar para concretar as medidas de mellora do noso sistema educativo, así como o apoio e a súa plena disposición para traballar e responder a este desafío de lograr un gran acordo.
4.- Tamén se produciron reunións con cada un dos grupos políticos con representación parlamentaria, escoitáronse os seus argumentos e recibíronse as súas consideracións, que resultan decisivas, xa que representan a pluralidade e diversidade do conxunto da cidadanía española. O Ministerio encontrou plena vontade de participar na consecución deste Pacto pola educación e plena conciencia da necesidade de lograro.
5.- Pola súa parte, éstánse producindo reunións co Partido Popular, primeiro grupo da oposición. As devanditas reunións van continuar nas próximas semanas definindo o marco e as accións concretas para un Pacto.
O Ministro de Educación considera que, cumpridos estes procesos, dentro de dous meses débese estar en disposición de presentarlles un texto con contidos concretos sobre o Pacto.