Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

O ministerio de Educación presenta unha aula dixital do Programa Escola 2.0 e o recurso educativo Cosmolema de fomento de habilidades lingüísticas

17 de decembro de 2009

Cosmolema foi desenvolvido polo Centro Virtual www.leer.es

Ver imaxe en alta resolución. O ministro de Educación e a secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional presentaron unha aula dixital de Escola 2.0 no hall do Ministerio.

O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, clausurou hoxe un acto de presentación do Programa Escola 2.0 que se desenvolveu nunha aula dixital instalada no hall do Ministerio de Educación. No acto tamén participou a secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional, Eva Almunia, e presentouse o xogo dixital Cosmolema.

Unha profesora e os seus alumnos de terceiro ciclo de educación primaria do Colexio Público Juan Aguado de La Torre de Esteban Habrán (Toledo) recrearon unha aula 2.0 e traballaron cos seus portátiles e o encerado dixital demostrando como se poden facer realidade as novas formas de aprender e de ensinar.

Na clase contaron con recursos didácticos dixitais de matemáticas e do novo contido educativo Cosmolema, orientado ao coñecemento da lingua española e do seu vocabulario.  

Este recurso pedagóxico foi creado polo Centro Virtual www.leer.es. Trátase dun xogo de exploración, consulta e aprendizaxe da lingua castelá a través das palabras e das súas relacións.

Cosmolema utiliza todas as palabras do dicionario da Real Academia Española. Por exemplo, están todos os verbos e tamén as súas conxugacións, polo que en total o xogo ten máis de 730.000 lemas. Os retos principais que propón son ir dunha palabra a outra no menor tempo posible e pasar dun vocábulo a outro no menor número de pasos. Desta forma promóvese o descubrimento da riqueza de combinacións das palabras e facilítase o acceso a unha enorme fonte de vocabulario

Ademais destes xogos, Cosmolema permite navegar polo dicionario da lingua castelá, promove o descubrimento da súa riqueza, e permite o acceso a unha fonte enorme de vocabulario. O recurso permite, por primeira vez, dispor do dicionario da RAE navegable. Isto quere dicir que cando se busca unha definición dun vocábulo, todas as palabras que compón esa definición teñen unha ligazón que leva a ver a definición desa palabra. Ademais, hai múltiples actividades de exploración e de creación e, mentres se utiliza, sempre está activo o dicionario navegable da RAE.

O Centro Virtual www.leer.es ofrece recursos como o presentado hoxe e promove actividades relacionadas coa lectura para o conxunto da sociedade, facendo desta a ferramenta básica do coñecemento, especialmente na era dixital, e instrumento imprescindible para aprender matemáticas, música, literatura ou cine. Leer.es conta co apoio de todas as Comunidades Autónomas, de institucións como a Real Academia, o Instituto Cervantes e distintas fundacións.

O Programa Escola 2.0 ten como obxectivo a dixitalización das aulas españolas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO.

Esta iniciativa é moito máis que o reparto de ordenadores entre alumnos e profesores; é a aplicación dunha nova forma de ensinar e de aprender utilizando as novas tecnoloxías de xeito que se sumen aos medios tradicionais. Por iso está acompañado de medidas como: formación de especialistas en novas tecnoloxías en todos os centros docentes, formación do profesorado encargado desas aulas, creación de materiais educativos específicos para profesores, alumnos e familias, conectividade a Internet e interconectividade dentro do aula para todos os equipos, facilidades ás familias para o acceso a Internet nos domicilios en horarios especiais, etc.
 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles