Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

Informe sobre o programa Campus de Excelencia Internacional

11 de decembro de 2009

Consello de Ministros

O Consello de Ministros recibiu un Informe do Ministro de Educación acerca do programa Campus de Excelencia Internacional.

No informe detállanse e analizan os resultados da resolución da convocatoria deste programa, que se fixeron públicos o pasado 26 de novembro tras a valoración dun comité internacional de expertos. Na devandita resolución, nove proxectos obtiveron a cualificación Campus de Excelencia Internacional. Entre os dezaoito proxectos presentados por vinte universidades distribuiranse 150 millóns de euros de financiamento.

O obxectivo desta iniciativa é situar as universidades españolas entre as mellores de Europa a través da suma de institucións que, compartindo un mesmo campus, elaboren un proxecto estratéxico común co fin de crear un ámbito académico, científico, emprendedor e innovador.

Este programa desenvólvese co esforzo coordinado do Goberno de España, as Comunidades Autónomas e o conxunto do sistema universitario español. Tal e como sinala o Informe do Ministro de Educación, desde o ano 2008 o Programa Campos de Excelencia Internacional contou cun financiamento total por parte do Goberno de 354 millóns de euros. Ademais, se se contabilizan outras fontes de financiamento tales como convocatorias competitivas nacionais e internacionais, convenios con institucións e empresas, comunidades autónomas e orzamentos propios das universidades, este proxecto pode chegar a mobilizar máis de seiscentos millóns de euros na universidade española.

A acollida desta primeira convocatoria foi moi positiva por parte da comunidade universitaria española. De feito, o Informe detalla que o 84 por 100 das universidades públicas presentaron proxectos para a súa valoración. Ademais, Campus de Excelencia Internacional espertou o interese de institucións internacionais como a OCDE e de universidades de diferentes países como Estados Unidos, Canadá ou Australia.

O proxecto busca modernizar e internacionalizar a universidade española, facera motor do cambio cara a un modelo produtivo sostible baseado no coñecemento e, ademais, que impulsen este cambio a través da suma nun mesmo proxecto de todas as institucións xeradoras de coñecemento dunha mesma área xeográfica: universidades, centros de investigación, parques tecnolóxicos, hospitais, etcétera.

A sostibilidade, o compromiso medioambiental e a accesibilidade para todos destes Campus son dúas características comúns a todos os proxectos.

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles