En relación coa recente sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid coñecida onte o Ministerio de Educación manifesta o seguinte.
O Ministerio acata e respecta a sentenza do TSJM. O ditame refírese a un recurso interposto polo Ministerio de Educación e Ciencia o 20 de novembro de 2007 co obxecto de delimitar con precisión o alcance das competencias das partes (neste caso o Goberno e as Comunidades Autónomas) na determinación dos currículos de secundaria, obxecto do recurso.
O Ministerio de Educación considera que a sentenza ditada polo TSJM contribúe a este fin, xa que estima que os Reais Decretos ministeriais deben cumprirse aínda que as Comunidades Autónomas non están obrigadas a reproducir literalemente as normas básicas estatais
Polo tanto, o recurso presentado enmárcase no proceso de supervisión que a Secretaría de Estado de Educación e Formación realiza cos desenvolvementos curriculares que levaron a cabo as Comunidades Autónomas, unha vez que o Goberno aprobou as ensinanzas mínimas de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
En calquera caso, o Goberno considera que a normalidade foi a tónica predominante nas aulas durante todo o curso e que así debe seguir sendo no futuro. Por iso, o Ministerio de Educación considera esgotada a vía xudicial ao respecto e reitera unha vez máis a súa disposición a traballar con todas as Comunidades Autónomas, asociacións, centros e axentes sociais co obxectivo común de impulsar a calidade e a estabilidade do sistema educativo para todos.