Nos próximos días reunirase a Comisión Xeral de Educación
Os responsables de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) do Ministerio de Educación e de todas as Consellerías de Educación das Comunidades Autónomas reuníronse hoxe co obxectivo de pór en común os elementos básicos do proxecto Escola 2.0, tal e como acordaron o ministro e os conselleiros autonómicos a semana pasada na Conferencia Sectorial de Educación.
Na reunión, que durou máis de sete horas, os expertos en TIC das comunidades e o ministerio constataron por unanimidade que o programa Escola 2.0 é un proxecto perfectamente realizable desde o punto de vista técnico e positivo para a mellora e modernización do sistema educativo do noso país.
Tamén se destacou, así mesmo, que os proxectos tecnolóxicos que están desenvolvendo as autonomías son perfectamente compatibles co programa marco que propuxo o Goberno.
Os responsables técnicos tamén destacaron que a dotación das aulas ten que ser suficiente e completa para que o programa funcione, alcance a todos os alumnos e profesores e contribúa a reducir a brecha dixital dos centros educativos. Neste sentido, é preciso un plan de formación do profesorado que debe combinar a presencial e o apoio na rede.
O ministerio e as comunidades autónomas dialogarán coas editoriais de libros de texto para garantir que se dispoña de recursos e contidos dixitais suficientes para garantir a utilidade e o éxito do programa.
Con esta reunión de carácter técnico, continúa o desenvolvemento dun dos máis importantes programas de innovación educativa e modernización tecnolóxica que se levou a cabo en Europa.
Segundo o acordado o martes pasado polo ministro e os conselleiros autonómicos, o seguinte paso é trasladar, nos próximos días, as reflexións e puntos de encontro xurdido durante a reunión celebrada hoxe á Comisión Xeral de Educación, integrada por directores xerais das Comunidades Autónomas e o ministerio, para concretar os primeiros pasos en común da Escola 2.0.