Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Nota de prensa

Informe sobre os progresos na construción do Espazo Europeo de Educación Superior

8 de maio de 2009

Consello de Ministros

O ministro de Educación presentoulle hoxe ao Consello de Ministros un informe sobre a recente reunión dos 46 ministros de Educación realizada en Lovaina para analizar a construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e propor novas estratexias.

Como cada dous anos, a Comisión de Seguimento do Proceso de Bologna fixo público un informe sobre o grao de adaptación dos distintos países ao EEES. Neste informe avalíanse os progresos logrados na implantación do sistema de ciclos, a avaliación da calidade e o recoñecemento dos títulos entre os distintos países.

España obtivo unha nota de 4 sobre 5. En 2007 a nota foi de 3,5 e en 2005 de 2,8. No seu informe, o ministro destacou que estes avances, e o traballo que queda por diante, son o froito do esforzo de toda a sociedade, das universidades, o Goberno e as comunidades autónomas.

No que fai á posición de España no cume, o Goberno defendeu, en sintonía cos demais ministros, a necesidade de impulsar a dimensión social da construción dese Espazo Europeo de Educación Superior.

Os eixes prioritarios para a próxima década en educación superior, tal e como o expresa o comunicado dos ministros, serán impulsar a cohesión social, a formación continua, a aprendizaxe centrada no estudante e a mobilidade.

Nesta liña, España apoiou o horizonte que se fixou na declaración da conferencia para que en 2020 polo menos un 20 por cento dos graduados de Europa gocen dunha estancia académica no estranxeiro.

Por último, o ministro resaltou no seu informe que dentro da dimensión social desta reforma, as accións emprendidas polo Goberno están en liña cos principios da declaración que fixeron pública os ministros en Lovaina. Así, Ángel Gabilondo destacou que o carácter social das políticas emprendidas no campo da educación superior se basea na mellora e potenciación do modelo de bolsas e axudas ao estudo e de forma especial ao apoio das accións que promovan a mobilidade.

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles