Axenda de León
A secretaria de Estado de Política Social, Amparo Valcarce, o director xeral de Cohesión Social do Consello de Europa, Alexander Vladychenko, e a directora xeral do Instituto da Muller de España, Rosa Peris, clausuraron hoxe en León a Conferencia do Consello de Europa sobre Muller e Discapacidade Acceso ao emprego e formación, en que participaron 17 países europeos.
Na sesión de clausura, o Consello de Europa e os países participantes presentaron as seguintes conclusións que foron adoptadas como Axenda de León:
1.- Debemos reforzar a perspectiva de xénero e discapacidade de forma transversal en todas as políticas.
2.- Cómpre propiciar estudos que analicen a situación das nenas e mulleres con discapacidade, nos diferentes ámbitos da vida social, así como dispor de datos estatísticos fiables que inclúan a variable de discapacidade e o elemento de xénero.
3.- Consideramos fundamental deseñar accións concretas e programas específicos dirixidos ás mulleres con discapacidade, contando coa súa participación no deseño de tales medidas.
4.- Propomos organizar campañas dirixidas a fomentar a presenza e mellorar a imaxe das mulleres e nenas con discapacidade nos medios de comunicación e na publicidade en xeral.
5.- faise necesario establecer un sistema de avaliación e seguimento de todas as medidas que se adopten para mellorar a situación das mulleres con discapacidade nos distintos países, co fin de comprobar a efectividade das accións emprendidas e de asumir outros novos compromisos de futuro.
6.- As mulleres con discapacidade deben ter acceso a un emprego axeitado ás súas capacidades, se cómpre mediante medidas de acción positiva. Sería desexable así mesmo incentivar os sindicatos e as organizacións empresariais para que establezan como estratexia corporativa a responsabilidade social, a incorporación e a promoción de mulleres con discapacidade.
7.- Os Estados Membros deben promover programas e medidas que aumenten as habilidades persoais e profesionais das mulleres con discapacidade, a fin de que estas poidan acceder a desempeñar profesións máis competitivas no mercado ordinario de traballo.
8.- Hai que ter en conta as necesidades persoais das nenas e as mulleres con discapacidade, proporcionando dispositivos auxiliares e axudas técnicas como apoio ás actividades da vida diaria, escolarización e acceso a todo o ciclo educativo, incluída a formación universitaria e ao emprego.
9.- Os Estados Membros deben favorecer e apoiar a participación das mulleres con discapacidade nos procesos de toma de decisións e na vida social. Para iso é esencial a súa participación activa. A democracia participativa demanda a incorporación das políticas de igualdade en todos os ámbitos de goberno.
10. Os poderes públicos debemos facilitar ás mulleres con discapacidade as vías axeitadas para participar activamente nas decisións que afectan ao seu presente ou futuro, con responsabilidade e co respaldo dos organismos internacionais e os seus Estados membros.