Na Comisión Xeral de Educación presidida por Eva Almunia
O Plan contra o abandono escolar temperán deu esta mañá o primeiro paso co acordo de creación da Mesa Permanente que se encargará de realizar o seguimento e a avaliación das 12 medidas previstas para reducir a taxa de abandono escolar temperán á metade en 2012.
Desta maneira, a Mesa Permanente sobre o abandono escolar temperán, en que estarán representadas todas as Comunidades Autónomas e o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, celebrará a súa primeira reunión de traballo nas primeiras semanas de 2009.
A secretaria de Estado de Educación e Formación, Eva Almunia, destacou que "a Mesa Permanente será o órgano que nos permitirá abordar de maneira áxil e eficaz o maior compromiso que existiu nunca coa consecución do éxito escolar de todos os alumnos".
Eva Almunia quixo resaltar o intenso traballo a que se enfronta a Mesa Permanente sobre o abandono escolar porque "hoxe somos capaces de cuantificar os retos a que nos enfrontamos: necesitamos 570.000 alumnos máis que continúen estudando despois da etapa obrigatoria, 200.000 alumnos máis no Grao Medio e ampliar a oferta de Programas de Cualificación Profesional Inicial ata chegar a 80.000 alumnos".
A Mesa Permanente terá entre as súas funcións realizar o seguimento e avaliación dos acordos adoptados en Conferencia Sectorial para reducir o abandono, así como da aplicación das diferentes medidas incluídas na LOE para lograr o éxito escolar. Ademais, realizará un seguimento dos compromisos internacionais no ámbito do abandono escolar temperán e proporá á Conferencia Sectorial as accións dirixidas a combater o abandono escolar temperán.
Aumentar a oferta de PCPI e flexibilizar a FP
A Mesa permanente sobre o abandono escolar temperán tratará en conxunto as 12 medidas que contempla o Plan para a redución do abandono "porque todas están ligadas e teñen consecuencias entre si", sinalou Eva Almunia.
Porén, entre os asuntos prioritarios que abordará a partir de xaneiro destaca a ampliación da oferta de Programas de Cualificación Profesional Inicial nas áreas relacionadas co emprego doméstico ou a mobilización en centros sanitarios, que poden ter unha relación directa coa Lei de Dependencia, outras relacionadas coa enerxía e a auga, ou varias asociadas á edificación e a obra civil, un dos sectores máis afectados pola actual situación económica.
A Mesa sobre abandono tamén abordará de maneira inmediata a creación de pasarelas que faciliten o acceso entre os PCPI, a Formación Profesional de Grao Medio e a Formación Profesional de Grao Superior.
Neste sentido, "o diagnóstico sobre as causas do abandono escolar indícanos que necesitamos un sistema educativo absolutamente esixente, pero tamén máis flexible, que abra novas portas aos alumnos e que posibilite que todo o que queira seguir estudando poida facero", indicou Almunia.