Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Educación

O Goberno e a Xunta de Galicia financian con 13 millóns de euros a formación de 10.000 docentes e actividades de mellora do éxito escolar en 600 centros públicos

23 de decembro de 2008


  • A ministra de Educación, Política Social e Deporte e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria de Galicia asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de apoio á implantación da Lei Orgánica de Educación

  • Reforzarase a formación do profesorado para facilitar a súa adecuación ás novas materias da LOE, o Programa de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras, e os programas de mellora do éxito escolar e de diminución do abandono temperán




A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Laura Sánchez Piñón, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de apoio á implantación da Lei Orgánica de Educación (LOE).


O acordo, cunha dotación de máis de 13 millóns de euros, avanza no funcionamento de diversos programas, todos eles encamiñados a facilitar o desenvolvemento dos obxectivos da LOE, entre os que se inclúen a mellora das competencias do profesorado e do alumnado de ensino non universitario. Desta forma, permitirá dar formación a máis de 10.000 docentes, así como o desenvolvemento de programas de mellora do éxito escolar nuns 600 centros públicos.


En virtude do convenio asinado hoxe, o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte transferirá á Comunidade galega no ano 2008 un total de 5.205.721 euros. A Xunta achegará 7.808.582. O prazo de vixencia deste convenio finalizará o 31 de decembro de 2009.


Mellora do éxito escolar

Así, o documento asinado hoxe contempla ademais acciones para a mellora do éxito escolar e a diminución do abandono temperán, co obxectivo de mellorar o rendemento académico do alumnado e, como consecuencia, aumentar o número de alumnos e alumnas tituladas en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).


Así, preséntanse dúas accións complementarias. A primeira desenvólvese no seo dos centros educativos, co reforzo de materias instrumentais (lingua e matemáticas), e aquelas que veñen presentando un maior grao de problemas, para o que se seleccionarán 50 novos centros de educación primaria. Estas escolas sumaranse ás 100 en que xa se están aplicando estes plans na actualidade.


Como complemento a esta acción, a través dunha convocatoria da Administración educativa galega, realizaranse, en colaboración cos concellos, actividades de fomento do éxito escolar e de prevención do absentismo e do abandono escolar temperán fóra do horario escolar, no marco do Programa de apertura de centros fóra do horario lectivo, que na actualidade de desenvolve en preto de 600 centros públicos de 168 concellos.


Desta forma, algunhas das accións contempladas no convenio son a ampliación do número de equipos de orientación nos centros de educación primaria; posta en marcha de aulas de reforzo, talleres creativos e actividades de comunicación que incidan en destrezas de comprensión e expresión. Tamén se inclúe o reforzo das accións dos departamentos de orientación, tanto nos centros de educación secundaria como nos centros de educación para as persoas adultas, que orienten, detecten e propoñan medidas axeitadas para solucionar os problemas de aprendizaxe, así como vías de estudos acordes coas aptitudes e intereses do alumnado.


Formación do profesorado

Dentro do programa de formación do profesorado, realizaranse actuacións de difusión e información sobre as novas materias dos currículos LOE, accións para a reflexión sobre a práctica educativa e adecuación metodolóxica, e sobre a análise dos procesos de avaliación. Estas actividades desenvolveranse durante o curso 2008/2009, e serán un total de 225, ofertandose desde a Consellaría de Educación un total de 9.600 prazas de formación.


Ademais, no marco do programa PALE, 100 profesores de educación infantil, 150 profesores de educación primaria, 275 de secundaria e 120 auxiliares de conversación formaranse en linguas estranxeiras. As actividades que se desenvolverán comprenden un itinerario formativo con tres fases (curso intensivo da lingua en estudo, en horario escolar, con substitución do profesorado nos seus postos de traballo; unha estancia de tres semanas nun país cuxa lingua oficial sexa a que está sendo obxecto de estudo; e unha terceira fase centrada na didáctica da lingua estranxeira e na elaboración de traballos que poidan servir de modelo para outro profesorado); un itinerario formativo para o profesorado participante en seccións bilingües, que inclúe como novidade a participación nas actividades docentes en centros educativos do país de destino; estancias no estranxeiro; actividades de formación en Galicia; auxiliares de conversación para favorecer a expresión oral fluída e de calidade; dotación de material; e anticipación do ensino do inglés a partir dos tres anos.


 


 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles