Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Educación

O Goberno e a Xunta de Galicia asinan un convenio para investir 12,3 millóns de euros do Plan Educa3 na construción de 15 galescolas en 14 municipios

23 de decembro de 2008

Crearanse 1.111 prazas educativas de calidade de 0 a 3 anos

Logotipo Plan-e
  • A Xunta achegará 7 millóns de euros e o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, outros 5,3 millóns para a creación de 1.111 novas prazas públicas en educación infantil de 0 a 3 anos en Galicia
  • Os 15 novos centros situaranse en 14 municipios das provincias de Pontevedra e A Coruña

A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asinaron hoxe en Madrid, coa presenza tamén da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Estado para a creación dun total de 1.111 novas prazas en 15 novas escolas infantís da Rede Galega de Escolas Infantís Galescola.

Xunta e Estado investirán 12,3 millóns de euros nestes proxectos, de que o Goberno galego achegará 7 millóns de euros e o Goberno central financiará algo máis de 5,3 millóns de euros, para a posta en marcha das novas prazas de educación infantil para nenos e nenas de cero a tres anos de idade.

Segundo establécese no convenio, os novos centros, que se integrarán na Rede Galega de Escolas Infantís Galescola, estarán localizados en 14 municipios das provincias de Pontevedra e A Coruña e terán un impacto directo sobre unha poboación infantil de 0 a 3 anos de máis de 20.000 nenos e nenas, o que representa un 32 por cento do total da poboación galega nese tramo de idade, segundo datos do padrón municipal. Así, os novos centros situaranse nos municipios coruñeses de Ares, Culleredo, Ferrol, Ames, Melide, Noia e A Coruña (2 Galescola); así como nos pontevedreses de Mos, Cangas, Cotobade, Silleda, Vilagarcía de Arousa, Tomiño e Vigo.

Cada novo centro disporá dun mínimo de tres unidades e todos eles contarán con todos os servizos, equipamentos e recursos humanos dispoñibles nas escolas infantís da Rede Galescola que xa funcionan en Galicia. A Rede Galega de Escolas Infantís Galescola, xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, concíbese como unha rede pública de educación infantil para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e coa que garantirlles aos pais e nais a posibilida de de formar os seus fillos e fillas nun medio educativo de calidade.

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles