Convenio de colaboración entre o Goberno de España e a Comunidade Autónoma das Canarias
O Goberno central destinará en 2009 15 millóns de euros á Comunidade Autónoma das Canarias para a atención de menores estranxeiros non acompañados, segundo establece o convenio asinado hoxe pola ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera; o ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, e a Conselleira de Benestar Social, Mocidade e Vivenda das Canarias, Inés Rojas.
O convenio ten como obxectivo establecer un marco de colaboración entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma das Canarias, ante o incremento constante de menores estranxeiros non acompañados que chegan ás costas do arquipélago.
Tanto os dous ministerios participantes no convenio como a Comunidade Autónoma das Canarias son conscientes de que as especiais características xeográficas das Illas incrementan o risco de chegadas de inmigrantes irregulares, dentro dos que se inclúen os menores estranxeiros non acompañados.
As partes implicadas no acordo, a Comunidade Autónoma das Canarias e os ministerios de Educación, Política Social e Deporte e Traballo e Inmigración, comprométense conxuntamente a promover a cooperación dos Gobernos do resto das comunidades autónomas para acordar o traslado e a atención de menores estranxeiros non acompañados. Ambas as dúas partes teñen tamén interese en desenvolver actuacións conxuntas a favor dos menores estranxeiros que cheguen ás costas canarias, promovendo o retorno aos seus países de orixe e, se é o caso, facilitando a súa integración no noso país.
Ademais, o Goberno das Canarias comprométese a facilitar ás Delegacións e Subdelegacións do Goberno, así como á Fiscalía de Menores, os datos e informacións correspondentes aos traslados de menores estranxeiros non acompañados ás comunidades autónomas de destino.