Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Educación

Educación, Política Social e Deporte

O Plan Educa 3 destinará máis de 1.000 millóns de euros para o ensino entre 0 e 3 anos

29 de agosto de 2008

O Goberno coñeceu hoxe un informe da ministra de Educación, Política Social e Deporte sobre o Plan "Educa3", o primeiro programa integral de impulso á creación de novas prazas educativas para nenos de 0 a 3 anos, que suporá un investimento total de 1087 millóns de euros entre 2008 e 2012. O financiamento realizarase ao 50% entre o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte e as Comunidades Autónomas.

O primeiro crédito para este plan aprobouse hoxe co reparto entre as Comunidades autónomas de 130 millóns de euros neste ano 2008. Deles, 100 están destinados á construción de novas escolas de educación infantil; á adaptación de edificios xa construídos para albergar novas escolas de Educación Infantil e á ampliación das escolas existentes. Os 30 restantes corresponden ao cofinanciamento dos programas sociais, dirixidos ás familias e á infancia, para favorecer a Conciliación entre a Vida Familiar e Laboral a través da Atención á Primeira Infancia (0-3 anos).

Desta maneira, o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte aborda por primeira vez o financiamento de novas prazas de educación infantil de acordo coas Comunidades Autónomas.

Educa3 nace co obxectivo de atender a necesidade das familias de conciliar a vida persoal e laboral e responder á crecente demanda para escolarizar aos nenos de entre 0 e 3 anos. Así mesmo, o impulso da creación dunha rede de centros de carácter educativo responde ao compromiso do Goberno para fomentar a escolarización temperá, factor clave para o posterior éxito escolar dos alumnos, e ofrecer unha educación de calidade desde os primeiros anos de vida.

Neste sentido, a demanda por parte das familias medrou considerablemente debido, principalmente, á incorporación da muller almercado laboral, o aumento das familias monoparentais e a confianza nos beneficios da escolarización temperá. Neste curso 2007-2008 encóntranse escolarizados neste período educativo 272.780 nenos, o que representa aproximadamente o 20% dos nenos das idades a que se dirixe.

Unha praza para cada neno de entre 0 e 3 anos
No marco do novo Plan Educa3 e co obxectivo de fomentar a escolarización temperá e de atender a demanda das familias, o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte porá en marcha no período 2008 - 2012 as seguintes medidas:

  • Creación e mellora dunha rede de centros que garantan un medio educativo axeitado para a mellor atención dos máis pequenos.
  • Estableceranse convenios coas CCAA sempre que se garanta unha oferta educativa de calidade.
  • Incentivarase aos Concellos para que participen na creación e adecuación de centros que atenden ao primeiro ciclo de Educación Infantil.
  • Estudaranse fórmulas válidas para a atención educativa dos nenos que viven en zonas rurais de poboación moi dispersa.

Compromiso de calidade
O impulso dunha rede de centros educativos de educación infantil responderá ás condicións de calidade e equidade recollida na LOE, tanto canto ás instalacións como ás titulacións dos profesionais de atención directa aos nenos de 0 a 3 anos.

Así, os espazos deberán deseñarse e organizarse con intención educativa, serán espazos diferenciados segundo idades e que reúnen as condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, de seguridade e de accesibilidade que sinale a lexislación vixente.

Da mesma maneira, os centros contarán cun número suficiente de profesionais coa formación e titulación axeitada que se require para a atención nestas idades así como cun número suficiente de mestres titulados en educación infantil.

Ademais, o Plan Educa3 impulsará as seguintes medidas para fomentar a formación continua e a mellora da calidade:

  • Aumento de acordo coas CCAA da oferta de ciclos formativos de técnico superior en educación infantil.
  • Poranse en marcha mecanismos para recoñecer a formación de persoas con experiencia e realizaranse ofertas formativas específicas presenciais e a distancia. 
  • Fomentarase o intercambio de experiencias entre as Escolas Infantís así como a súa participación en programas Europeos.


Educa3 e as novas tecnoloxías
A posta en marcha do Plan Educa3 terá en conta igualmente as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías para a mellora da calidade educativa.

Así, porase en marcha un espazo Web dirixida tanto á formación de profesionais como das familias en que se poderán encontrar recursos educativos, intercambio de experiencias e materiais didácticos.

Participación das familias
Un dos piares básicos sobre os que se asenta o Plan Educa3 é a necesaria interacción entre a familia e a escola. Por iso, prevé as seguintes accións:

  • Realizarase unha campaña de formación dirixida ao conxunto da cidadanía sobre os beneficios da escolarización entre os 0 e os 3 anos.
  • Difundiranse materiais entre as familias que faciliten a súa participación na vida da escola.


130 MILLÓNS PARA 2008


Educa3 nace en 2008 con 130 millóns de euros que irán destinados á construción de novas escolas de educación infantil; á adaptación de edificios xa construídos para albergar novas escolas de Educación Infantil e á ampliación das escolas existentes.

O reparto foi acordado nas Conferencias Sectoriais de Educación e de Política Social e é o seguinte:

CC.AA. Euros
Andalucía  26.345.395,73
Aragón 3.765.134,44
Asturias 2.402.660,79
Baleares 3.438.538,87
As Canarias 6.765.890,03
Cantabria 1.487.923,83
Castela e León 6.510.279,6
Castela - A Mancha 6.255.609,55
Cataluña 21.847.457,56
Estremadura 3.398.813,96
Galicia 7.024.255,1
A Rioxa 4.970.233,23
Madrid 16.432.775,36
Murcia 4.161.951,93
C. Valenciana 14.656.953,72
Ceuta 148.969,15
Melilla 148.969,15
TOTAL 129.793.830

Compromiso coa Educación Infantil
No marco da Estratexia de Lisboa, o Informe 2007: Obxectivos Educativos e Puntos de Referencia 2010, establece como primeiro ámbito de actuación o incremento da taxa de escolarización en Educación infantil, por considerar que a escolarización en idades temperás é un dos factores máis determinantes para conseguir que os estudantes acaden mellores resultados.

O Ministerio de Educación, Política Social e Deporte aborda agora a través do Plan Educa3 e por primeira vez a escolarización entre os 0 e 3 anos, despois de garantir a xeneralización da gratuidade do segundo ciclo de infantil (3-6 anos), unha prioridade plasmada na LOE.

Así, nos últimos tres anos o Ministerio destinou 890 millóns de euros ao financiamento en colaboración coas Comunidades Autónomas do segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos) de maneira que a oferta de prazas gratuítas acada ao 100% da poboación desta idade.

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles