O Ministerio inviste 1,6 millóns de euros en cursos de verán para docentes
A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, presidiu esta mañá, no Palacio de la Magdalena de Santander, a inauguración oficial dos cursos de formación do profesorado organizados polo Ministerio no marco dos cursos de verán da Universidade internacional Menéndez Pelayo (UIMP).
A ministra agradeceu aos profesores "a ilusión que pondes todos os días no voso labor cotián e tamén o esforzo por non conformarvos coa vosa experiencia e coñecementos acumulados, por tratar de mellorar día a día", dixólles Mercedes Cabrera, quen subliñou que o seu compromiso como ministra é "garantir que todos podades ter acceso a unha mellor formación e capacitación para apoiarvos nese inmenso labor que realizades a diario e de que debe sentirse moi orgullosa a sociedade no seu conxunto". Cabrera saudou os profesores de ESO e Bacharelato inscrito nos 5 cursos que comezaron onte na sede de Santander.
"Os nosos estudantes serán os cidadáns que construirán a sociedade do futuro e, polo tanto, os nosos mestres teñen que posuír os coñecementos e as ferramentas didácticas necesarias para formar todas as futuras xeracións nos valores democráticos que definen a España do século XXI", destacou a ministra.
Cabrera subliñou o valor da formación inicial e permanente do profesorado. Neste sentido, a titular de Educación lembrou a importancia que para a formación de base dos docentes vai ter a posta en marcha dos novos títulos de grao de mestre en educación primaria, mestre en educación infantil, e o máster que habilita para o exercicio da profesión de docente de secundaria obrigatoria e bacharelato.
Este ano celebraranse na UIMP 16 cursos nas sedes de Santander e Cuenca, a que está previsto que asistan uns 700 docentes de toda España para perfeccionar ou actualizar os seus coñecementos. En total, o Ministerio organiza 40 cursos de verán en que inviste 1,6 millóns de euros e de que se beneficiarán uns 2000 docentes.
En referencia á formación continúa, a Ministra destacou os Plans de Formación Permanente organizados polo Ministerio co obxectivo de reforzar a formación disciplinar, pedagóxica e didáctica nas novas materias da LOE e en todos os aspectos que favorezan a equidade, a calidade e o éxito escolar. "Estes cursos que se van a desenvolver nos próximos días van dar resposta ás novas necesidades e demandas a que teñen que facer fronte os nosos mestres", dixo.
Estatuto docente
A ministra concluíu a súa intervención referindose ao Estatuto da Función Pública Docente. "Desde o Ministerio somos conscientes da necesidade de consensuar cos vosos representantes o Estatuto", dixo aos presentes. "Estou convencida da súa gran utilidade para garantir, non só as condicións laborais dos profesores, senón tamén para a mellora do sistema educativo no seu conxunto", subliñou Cabrera, quen anunciou que o Ministerio comezará proximamente os contactos cos sindicatos "para pór en común as ideas que temos sobre os principios que deben rexer o devandito Estatuto".
40 cursos de formación
O Ministerio de Educación, Política Social e Deporte organiza todos os anos cursos de verán para a formación permanente de mestres e profesores, a que se lles concede unha bolsa de matrícula, manutención e, se é o caso, residencia. Este ano organizáronse un total de 40 cursos, cun orzamento de 1,6 millóns de euros. Os cursos, a que asisten en total uns 2000 docentes de toda España, celébranse en colaboración con diferentes institucións:
Entre o 23 e o 27 de xuño, a UIMP acolle 12 cursos, 7 deles dirixidos a mestres de Infantil e Primaria e Orientadores que se celebran en Cuenca e os outros 5 dirixidos a profesores de ESO e Bacharelato que se celebran en Santander, cos que estivo hoxe a Ministra.
A UIMP volverá acoller cursos de formación do profesorado entre o 8 e o 12 de setembro, cando, baixo o título xenérico de "Respostas ás demandas sociais: os novos títulos de formación profesional", teñan lugar outro 4 cursos dirixidos a profesores que imparten formación profesional.
O Ministerio organizou tamén 7 cursos de formación do profesorado en Ávila, en colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Terán lugar entre o 30 de xuño e o 4 de xullo e están dirixidos a profesores de ESO e Bacharelato, de Escolas Oficiais de Idiomas e de Ensinanzas Artísticas.
Coa Fundación Xeral da Universidade Complutense de Madrid o Ministerio organizou outros 7 cursos dirixidos a profesores de ESO e Bacharelato que se celebrarán entre o 7 e o 11 de xullo no Escorial (Madrid).
En Segovia celebraranse, entre o 8 e o 12 de setembro, 6 cursos de verán do Ministerio en colaboración coa Fundación Universidades de Castela e León. Os cursos van dirixidos a mestres que imparten Educación Infantil e Primaria, profesores que imparten ESO, Bacharelato e Formación Profesional e docentes en equipos de orientación educativa e psicopedagóxica e atención temperá.
O Ministerio tamén organizou 2 cursos con Patrimonio Nacional para profesores de Historia ou Historia da Arte que se impartirán no Real Sitio da Granxa (Segovia) entre o 30 de xuño e o 4 de xullo e en Jarandilla da Vera/Mosteiro de Yuste (Cáceres) entre o 15 e o 17 de setembro.
Por último, organizáronse 2 cursos en Zaragoza, con motivo da Expo 2008. Un celébrase entre o 30 de xuño e o 4 de xullo e leva por título Auga e sostibilidade: recursos, riscos e remedios e outro celébrase entre o 14 e o 18 de xullo, baixo o título “A auga: riqueza, cultura e ornamento”.