Comparecencia na Comisión de Discapacidade do Congreso
A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, compareceu hoxe na Comisión de Discapacidade do Congreso dos Deputados para explicar as liñas xerais do seu departamento en materia de discapacidade.
Na súa intervención, Mercedes Cabrera lembrou que, nos últimos anos, "España situouse na vangarda internacional na lexislación en favor das persoas con discapacidade" e que foi un dos países impulsores da recente Convención da ONU sobre dereitos das persoas con discapacidade.
A ministra explicou que as políticas en materia de discapacidade enmarcaranse no III Plan de Acción das Persoas con Discapacidade 2008-2011, que o Goberno está elaborando en colaboración coas Comunidades Autónomas, os axentes sociais e o movemento asociativo das persoas con discapacidade.
A responsable gobernamental sinalou que os eixes deste plan son o impulso da accesibilidade universal, a educación, o emprego e a promoción da vida independente.
Accesibilidade
Polo que se refire á accesibilidade e o deseño para todos, Mercedes Cabrera apostou por seguir incentivando a investigación nesta materia.
Así, a ministra referiuse ao labor que realizan xa o Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (Centac) en León ou o Centro Español de Subtitulado e Audiodescrición (Cesya), dependentes ambos os dous do Real Padroado sobre Discapacidade.
Ademais, explicou que o Goberno continuará desenvolvendo a Lei de Igualdade de Oportunidades, Non Discriminación e Accesibilidade Universal das Persoas con Discapacidade.
Educación
No referente á educación, Mercedes Cabrera sinalou que, nos últimos anos "houbo un gran avance na integración das persoas con discapacidade no sistema educativo en xeral". Porén, lembrou que "aínda se perciben unhas barreiras excesivamente elevadas tras o período de ensino obrigatorio". Así, apuntou que, segundo o último informe do Consello Escolar 2006-2007, o 9% dos alumnos con discapacidade chegan á educación superior.
Por iso, a ministra anunciou que o Goberno porá en marcha un Plan de reactivación da inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais. Este plan deseñarase en colaboración coas administracións competentes e o movemento asociativo.
Mercedes Cabrera fixo fincapé ademais no papel "crucial" da formación do profesorado nesta materia. Por esta razón, subliñou a importancia de que os novos títulos universitarios de Mestre en Educación Infantil e Primaria e o Máster de Formación de Profesorado de Secundaria e Bacharelato incorporarán nos seus contidos a atención ás necesidades educativas especiais.
Emprego
En referencia ao emprego, a ministra anunciou que o Goberno está ultimando a Estratexia Global para o Emprego das Persoas con Discapacidade, que foi elaborada por varios departamentos ministeriais en colaboración cos axentes sociais e co movemento asociativo das persoas con discapacidade.
A estratexia traballará en dúas liñas prioritarias:
Ademais, Mercedes Cabrera subliñou que se prestará unha atención especial ás mulleres con discapacidade en situación de desemprego.
Vida independente
Por último, a ministra sinalou que o obxectivo final de todas as políticas sobre discapacidade céntrase en que as persoas con discapacidade poidan gozar dunha plena autonomía e gocen dunha vida independente. "Debemos asegurar ás persoas con discapacidade a posibilidade de elixir; de decidir sobre a súa vida privada, profesional ou familiar, sobre o acceso á educación, ao emprego aos lugares públicos e privados, ao lecer e ao deporte ", afirmou.