A Ministra detalla no Senado as súas políticas para esta lexislatura
A ministra de Educación, Política Social e Deporte, Mercedes Cabrera, anunciou hoxe no Senado a creación dunha Comisión Especial para a mellora da calidade do sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. No marco da avaliación piloto sobre o desenvolvemento da Lei de Dependencia que se realizará nos próximos meses, a Comisión analizará a xestión do sistema e comprobará se se adecua aos parámetros de eficacia, eficiencia e calidade que deben presidir calquera actuación administrativa.
"Nesta fase inicial é cando debemos construír un sistema asentado sobre bos cimentos para que o edificio se manteña en pé con solidez e durante moito tempo", asegurou Cabrera, quen engadiu que a Lei de Autonomía persoal iniciou o seu desenvolvemento "coas lóxicas dificultades que ten a posta en marcha dun proxecto tana mbicioso e complexo".
Reunión informal cos conselleiros
Un dos aspectos fundamentais para o impulso á Lei de Autonomía persoal é a cooperación entre administracións. "Esta lei nunca poderá ter un desenvolvemento eficaz se non hai unha estreita colaboración entre o Goberno e as Comunidades Autónomas" asegurou a ministra, quen mantivo reunións con cada un dos conselleiros autonómicos con competencias en política social desde que tomou posesión. Ademais, a Ministra anunciou que a semana que vén manterá unha reunión informal con todos os conselleiros para falar sobre a situación actual no desenvolvemento da lei.
No referente ao Sistema Informático do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia (SISAAD), Cabrera explicou que algúns conselleiros fixéronlle chegar a súa preocupación polas dificultades de coordinación cos sistemas informáticos autonómicos preexistentes. "Non é conveniente que cuestións desta índole interfiran na aplicación da Lei e por esta razón decidimos propor ao Consello Territorial que a Axencia de Avaliación das Políticas Públicas e a Calidade dos Servizos avalíe o Sistema Informático", explicou a ministra.
Familias
Canto á atención ás familias, maiores e menores, Cabrera explicou que o Goberno avanzará en materia de conciliación e corresponsabilidade desde diversas perspectivas.
O Ministerio impulsará a atención de calidade aos menores de 3 anos co programa Educa3 de centros infantís, para o que xa hai orzados 100 millóns de euros en 2008. Ademais, favorecerá a creación de servizos de apoio temporal para o coidado de nenos e nenas en situacións específicas.
Fomento do emprego
No referente ás persoas con discapacidade, a Ministra anunciou dous obxectivos prioritarios: o desenvolvemento da Lei de Igualdade de Oportunidades, Non Discriminación e Accesibilidade Universal das Persoas con Discapacidade (LIONDAU) a través dun Real decreto que regule as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos medios de transporte para persoas con discapacidade, e o impulso ao emprego para o que xa estamos dialogando co Ministerio de Traballo e Inmigración.
Neste último terreo, Cabrera explicou que "imos traballar en dúas liñas, tratar de fomentar o emprego entre as persoas con discapacidade inactiva e defender a calidade do emprego para as persoas con discapacidade que teñen un posto de traballo, velando para que teñan un emprego digno".
Educación e Deporte
No terreo educativo, a Ministra reiterou os compromisos que xa expuxese o mes pasado no Congreso Dos Deputados. O impulso ás ensinanzas técnico – profesionais, as avaliacións periódicas do sistema educativo e o compromiso do Goberno coas bolsas e coa redución do abandono están entre as súas principais prioridades.
En Deporte, ademais de continuar co impulso á actividade profesional, Mercedes Cabrera destacou a posta en marcha do Plan Integral da Actividade Física e Deportiva cuxo obxectivo é promover o acceso universal á práctica deportiva. O Plan estará dirixido expresamente a nenos, adolescentes, mozos en idade escolar, persoas maiores e con discapacidade.