Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Política Social

O prazo de admisión de candidaturas para os Premios Imserso "Infanta Cristina" finaliza o 30 de xuño

11 de xuño de 2008

Convocatoria 2008

  • As bases da convocatoria están dispoñibles na páxina web www.seg-social.es/imserso
  • O Premio de Comunicación está dotado con 15.000 euros e valorará os traballos xornalísticos sobre as persoas maiores e / ou dependentes

O prazo de admisión das candidaturas para participar nos Premios Imserso "Infanta Cristina" na súa edición 2008 finalizará o vindeiro 30 de xuño. Estes Premios, convocados polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) o pasado mes de marzo, están dirixidos a persoas físicas ou xurídicas que destaquen no traballo a favor das persoas maiores, das persoas en situación de dependencia, así como das familias coidadoras.
Os premios "Infanta Cristina" son de ámbito nacional e iberoamericano e convócanse nas modalidades de: Premio ao Mérito Social; Premio ás Experiencias Innovadoras; Premio a Estudos e investigacións Sociais; Premio I+D+i en Novas Tecnoloxías e Axudas Técnicas; e Premio de Comunicación.
O obxectivo destes galardóns é sensibilizar e concienciar á sociedade sobre a problemática que afecta as persoas maiores e persoas en situación de dependencia e ás familias coidadoras, así como impulsar a investigación social e técnica na busca de solucións que faciliten a súa integración social, laboral e familiar.
Os premios convócanse nas seguintes categorías:

  • O Premio ao Mérito Social, sen dotación económica, recoñece publicamente o labor realizado por persoas voluntarias ou profesionais, que se destaquen pola súa especial dedicación ao servizo das persoas maiores ou en situación de dependencia e as súas familias.
  • O Premio ás Experiencias Innovadoras, cunha dotación económica de 15.000 euros, premia as persoas xurídicas que desenvolvan experiencias innovadoras polo seu contido, polas tecnoloxías aplicadas ou pola novidade nos programas desenvolvidos dirixidos a persoas maiores e / ou dependentes.
  • O Premio a Estudos e Investigacións Sociais, cunha dotación de ata 15.000 euros, está dirixido ás persoas físicas ou xurídicas, que realicen estudos ou investigacións que contribúan de forma relevante ao coñecemento e á mellora dos servizos sociais especializados na atención aos colectivos a que van dirixidos estes premios.
  • O Premio I+D+i en Novas Tecnoloxías e Axudas Técnicas, cunha dotación de ata 15.000 euros, premia as persoas físicas ou xurídicas que realicen proxectos de I+D+i de accesibilidade en medios ou de produtos e servizos que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas maiores e das persoas en situación de dependencia e das súas familias.
  • O Premio de Comunicación está dotado con 15.000 euros. A esta modalidade poderán presentarse artigos ou reportaxes de prensa; programas de radio; programas de televisión ou páxinas web que contribúan á sensibilización e información sobre as persoas maiores e / ou dependentes e as súas familias coidadoras, así como á participación e integración social destes colectivos.

Os interesados en participar nestes Premios Imserso poden encontrar as bases na Páxina Web do Imserso: www.seg-social.es/imserso.
Os galardóns serán entregados pola S.A.R. Infanta Cristina.

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles