Educación, Política Social e Deporte
O Consello de Ministros aprobou hoxe o Real decreto por que se establecen as bases de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte para o curso 2008/2009. Os límites máximos de renda que dan dereito a bolsa elévanse como mínimo un 13,5% con respecto ao curso pasado, un 27% na chamada bolsa xeral e ata un 62% na bolsa máis básica para ensino secundario postobrigatorio. As contías medran de media un 6%, chegando ata un incremento do 48,48% na denominada "Bolsa compensatoria", destinada ás persoas con renda familiar máis baixa.
As bolsas están dirixidas ás ensinanzas non obrigatorias: Universitarias, Bacharelato, Formación Profesional de grao medio e de grao superior, Ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas, así como Ensinanzas non universitarias adaptadas ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Tamén se establecen, por primeira vez, bolsas para os Programas de Cualificación Profesional Iniciais establecidos na Lei Orgánica de Educación.
Limiares de renda
Existen diferentes compoñentes das bolsas (para material, matrícula, mobilidade, transporte, residencia, compensatoria, etc.). A adxudicación duns ou outros destes compoñentes depende da renda da familia (hai seis limiares de renda distinta que dan dereito a distintos compoñentes), dos estudos que se cursen, e doutros factores como a distancia do domicilio familiar ao centro de estudos, a necesidade de residir fóra do devandito domicilio ou de facero fóra da súa comunidade autónoma.
Con carácter xeral, os limiares máximos de renda que dan dereito aos distintos compoñentes incrementáronse un 13,5% con respecto ao curso 2007/2008. Os da chamada bolsa xeral soben ata un 27%.
Neste Real decreto establécese unha bolsa para ensinanzas postobrigatorias non universitarias de 400 euros para alumnos que cursen estudos en cidades de máis de 100.000 habitantes e 200 euros para alumnos de poboacións menores. A renda máxima que permite acceder a esta bolsa é un 62% maior que a renda que daba acceso a algunha clase de axuda para educación secundaria postobrigatoria o curso pasado. A modo de exemplo, un mozo dunha familia de 4 membros que ten unha renda de 37.482 euros anuais terá dereito a unha destas bolsas.
Contías
As contías das diferentes bolsas desta convocatoria soben un 6% de media. Nalgúns casos o incremento é moito maior, como a "Bolsa compensatoria", cuxa contía se incrementa ata nun 48,48%, situandose entre 2000 e 2.788 euros, dependendo do tipo de estudos.
Cos incrementos aprobados neste Real decreto as contías máximas dos distintos compoñentes acumulables sitúanse en 919 euros para desprazamentos; 2.940 euros para residencia; 5.770 euros para mobilidade (cambio de CCAA, chegan a 6.671 se o domicilio familiar está nas Canarias, Ceuta ou Melilla); 240 euros para material e 569 euros para escolarización.
A bolsa mínima que recibe un estudante con dereito a bolsa é a bolsa básica para estudos non universitarios (entre 200 e 400 euros) ou a "matrícula" para os estudantes universitarios, que cobre o importe dos prezos públicos oficiais da matrícula para ese curso académico.