Un total de 37 propostas foron seleccionadas na primeira fase de avaliación
O Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) publicou na súa páxina web (http://www.mec.es/planidi/consolider) os resultados da primeira fase de avaliación do Programa CONSOLÍDER, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a cooperación e coordinación entre grupos de investigación que desenvolvan liñas novas ou vangardistas para aumentar a excelencia e a internacionalización do sistema español de I+D. A iniciativa forma parte do programa ENXEÑO 2010, e conta cun orzamento de 70 millóns de euros.
Nesta terceira edición presentáronse un total de 80 propostas de 36 institucións, entre universidades, organismos e centros de investigación. Tras a primeira avaliación, que levou a cabo un comité formado por científicos de recoñecido prestixio internacional, seleccionáronse un total de 37 proxectos que obtiveron unha cualificación de excelente ou moi boa. Na segunda fase, que concluirá no mes de xullo coa resolución definitiva das axudas, os proxectos preseleccionados serán avaliados por pares, elixidos a nivel internacional e sen ningunha vinculación cos equipos solicitantes.
Atendendo ao número de propostas preseleccionadas e por áreas de coñecemento destacan as 7 do ámbito de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións, seguidas por Bioloxía Molecular, Celular e Xenética e Ciencia e Tecnoloxía dos Materiais, con 4 propostas preseleccionadas cada unha.