O Consello Europeo de Investigación (ERC, nas súas siglas en inglés) fixo pública a resolución da súa primeira convocatoria de axudas. Un total 24 proxectos presentados por entidades españolas conseguiron financiamento, o que supón un 8% do total de 300 os proxectos seleccionados, procedentes de 170 institucións europeas, porcentaxe que coincide cos obxectivos fixados polo Ministerio de Educación e Ciencia para a obtención de fondos do VII Programa Marco Europeo de Investigación e Desenvolvemento, en liña con Enxeño 2010.
Das máis de 9.000 solicitudes presentadas a esta primeira convocatoria 574 procedían de España, polo que o noso país supera a media comunitaria en porcentaxe de proxectos aprobados sobre os presentados, cun 4%, o que pon de relevo a capacidade de atracción do sistema español de ciencia e tecnoloxía para a posta en marcha de proxectos de investigación na fronteira do coñecemento. Os 24 proxectos aprobados repartiranse unha cantidade próxima aos 50 millóns de euros. A media de idade dos investigadores principais é de 35 anos, e o 26% son mulleres.
As axudas concedidas pertencen ao programa "Starting Grants" dedicadas a impulsar as carreiras de científicos mozos e beneficiaron investigadores de 32 nacionalidades.
A natureza dos proxectos que financia a ERC nesta convocatoria é investigación de fronteira, articulada en proxectos de entre 3 e 5 anos e dotados con orzamentos que poden acadar os dous millóns de euros por proxecto.
Por áreas, España obtivo 14 axudas adscritas ao ámbito da Saúde e Ciencias da Vida, seis a Ciencias Físicas e Enxeñarías e catro a Ciencias Sociais.
Por comunidades autónomas, Cataluña é a orixe de 13 dos 24 proxectos seleccionados, e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) encabeza a lista de organismos españois, con sete proxectos aprobados.
Obxectivos da ERC
A ERC é o corpo principal do Programa Ideas do VII Programa Marco, puxose en marcha fai un ano e conta cun orzamento de 7.462 millóns de euros para os próximos sete anos. A súa estrutura está formada por un consello científico autónomo formado por 22 científicos distinguidos e que serán apoiados no futuro por unha axencia executiva.
Este programa fomenta a investigación básica na fronteira do coñecemento e impulsa a excelencia na investigación. Ás súas convocatorias pódese presentar calquera persoa de calquera parte do mundo, desde que, realice a súa investigación en Europa.
A diferenza doutros programas comunitarios, as convocatorias da ERC non requiren socios, polo que calquera investigador pode presentarse individualmente para obter financiamento, sempre que conte co respaldo dunha institución de investigación. Un dos principais obxectivos da ERC Starting Grants é promover a independencia dos mellores mozos científicos, meta a que dedica un terzo do seu orzamento.
Durante o ano que vén a ERC continuará a súa expansión coa convocatoria "Advanced Grants" para investigadores senior, que xa se abriu a candidaturas. En breve, disporase de datos detallados sobre os centros e investigadores beneficiados nesta convocatoria así como sobre distribución por rexións das axudas.
Máis información na web da ERC: http://erc.europa.eu/