O Ministerio de Educación fixo pública hoxe no Boletín Oficial do Estado a convocatoria 2010 para participar nos cursos de inmersión en lingua inglesa que organiza cada ano a Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Son 14.000 axudas de entre 850 e 1.000 euros destinados a mozos que xa dispón dun bo nivel de coñecemento teórico do idioma e queren practicar a destreza oral.
Os cursos, que se levarán a cabo no curso 2010-2011 e ata o 31 de decembro de 2011, terán unha duración de 5 días e desenvolveranse en réxime de internado de domingo pola tarde a sábado a mediodía. O obxectivo deste horario é permitir que o ensino impartido sexa compatible coas actividades habituais dos beneficiarios.
Os solicitantes deberán acreditar un nivel medio ou avanzado de coñecemento da lingua inglesa, ter menos de 30 anos a 31 de decembro de 2011 e obter a condición de bolseiro para ensinos universitarios, ensinanzas artísticas superiores, outros estudos superiores ou Formación Profesional de Grao Superior.
O Boletín Oficial do Estado especifica todos os requisitos e trámites necesarios para solicitar as axudas. Os interesados deberán cubrir o modelo de solicitude que figura na sede electrónica do Ministerio de Educación.