Presenta un programa para incrementar o número de alumnos destes estudos ata 2020
A Comisión Europea presentou hoxe un plan para o período 2010-2020 para impulsar o número de persoas que apostan por estudar Formación Profesional en Europa. Este programa preséntase durante o último mes de Presidencia española da Unión Europea. Un período en que a educación e a formación pasaron a desempeñar un papel relevante no contexto europeo. De feito a educación foi incluída por primeira vez como unha das prioridades do Consello Europeo e será unha das políticas por que a Unión Europea apostará dentro da Estratexia Europa 2020.
Precisamente no Consello de Ministros do pasado 28 de maio, o ministro de Educación Ángel Gabilondo, presentou un informe sobre a situación actual da Formación Profesional en España, en que se apuntaban medidas para impulsar e potenciar estes estudos no noso país. Uns estudos que viron incrementar o número de estudantes nun 17% desde 2007.
O Plan presentado hoxe pola Comisión Europea parte do esforzo do Goberno de España por dar á educación un papel prioritario durante o seu período de Presidencia e, en liñas xerais, aposta por transformar a imaxe da Formación Profesional en toda Europa para adaptara mellor á realidade actual, xa que estes estudos representan un vínculo esencial entre os mundos da educación e o traballo.
A Comisaria de Educación, Cultura, Multilingüismo e Mocidade, Androulla Vassiliou, anunciou que en decembro xunto aos ministros da UE responsable de educación e formación profesional, reunirase con representantes dos empresarios e os sindicatos en Bruxas (Bélxica) para fixar un ambicioso programa de modernización para os próximos dez anos, así como obxectivos a máis corto prazo, que se revisarán periodicamente.