Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Consello de Ministros

Aprobado o Real decreto que establece os requisitos mínimos dos centros do segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria

12 de febreiro de 2010

O Consello de Ministros, a proposta do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, aprobou o Real decreto que establece os requisitos mínimos dos centros que imparten as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria obrigatoria. Con este novo texto derrógase a regulación vixente ao respecto, é dicir, o Real decreto 1004/1991.


Na nova normativa introdúcense melloras na prestación dos servizos educativos xa que, a partir de agora, non se especifican unhas dimensións mínimas, senón que se aplican as especificacións do Código Técnico de Edificación polo que se melloran as características de instalacións como os laboratorios de secundaria, patios de recreo, talleres, ximnasios ou salas de debuxo. Coa normativa anterior, todos estes espazos tiñan unhas dimensións mínimas. Agora se establecen ratios de metros cadrados por alumno.


Outra novidade é que se esixe que todo o centro educativo, incluída a súa biblioteca, teña acceso ás novas tecnoloxías da información e a comunicación.


O cambio de normativa vén esixido por dous tipos de razóns. Primeiro, a realidade dos centros docentes dista moito da vivida no ano 1991, cando era necesaria unha reforma ambiciosa que establecese, por primeira vez, uns requisitos mínimos que todos os centros docentes debían cumprir. Este avance logrouse grazas ao anterior real decreto e grazas tamén ao investimento e vixilancia das Comunidades Autónomas.


Segundo, tamén evolucionou o Estado das autonomías e as técnicas normativas. Agora, o Ministerio de Educación como lexislador básico ten que regular os aspectos comúns que logo desenvolverán as Comunidades Autónomas. E fixoo tomando como referente o Código Técnico da Edificación e de maneira conforme ao Dereito europeo.

 

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles