O presidente do Goberno anuncia actuacións en materia educativa para desenvolver un novo modelo de crecemento
12 de maio de 2009
No Debate sobre o Estado da Nación
O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, anunciou durante a súa intervención no Debate sobre o Estado da Nación unha serie de actuacións en materia educativas enfocadas a consolidar o novo modelo de crecemento.
Na intervención o presidente anunciou que "o ministro de Educación está traballando nun gran pacto a favor da educación española para mellorar o funcionamento e os resultados do noso sistema educativo, porque non estamos satisfeitos con eles a pesar de dobrar os recursos nos últimos cinco anos. As prioridades son tres:
- Asegurar o cumprimento do Plan de Redución do Abandono Escolar Temperán, que conta cun orzamento de 121 millóns de euros en 2009 e que se aplica, despois dun gran acordo, en colaboración coas Comunidades Autónomas.
- Asegurar o desenvolvemento do Plan Educa3, tamén en colaboración coas Comunidades Autónomas, para que en 2012 todos os nenos de cero a tres anos poidan acceder a unha praza de educación infantil. O Plan supón un investimento de 1.087 millóns de euros e vai favorecer a conciliación e, polo tanto, as posibilidades das mulleres no mercado laboral.
- E concluír unha reforma da Formación Profesional, co máis amplo acordo dos sectores sociais, coherente cos necesarios cambios a introducir no noso modelo produtivo. En 2010 estará en vigor un sistema de acreditación que recoñecerá as capacidades adquiridas ao longo da vida, facilitando a integración no mercado laboral, e, así mesmo, o establecemento dunha Rede de Centros de Referencia para todas as familias profesionais co obxectivo de que exista, polo menos, un en cada Comunidade Autónoma.
E anúnciolles agora dúas novas iniciativas en materia educativa:
- No próximo curso escolar o Goberno vai pór en marcha o proxecto Escola 2.0 para a innovación e a modernización dos sistemas de ensino. As aulas disporán de encerados dixitais, conexión sen fío a Internet e cada alumno terá o seu propio ordenador persoal portátil, co que poderá continuar traballando, facendo os seus deberes, na casa. E os profesores recibirán formación adicional necesaria.
- A iniciativa, que desenvolvemos en colaboración e co cofinanciamento das Comunidades Autónomas, comezará a aplicarse en setembro, de xeito que no curso 2009/2010 os máis de 420.000 alumnos de 5º de Primaria dos colexios públicos e concertados recibirán un ordenador persoal. Estenderase progresivamente nos anos sucesivos ata acadar o último curso do Ensino Secundario.
Outra nova iniciativa refírese ao ámbito da educación universitaria.
- A obtención dun título universitario é o resultado dun esforzo persoal e familiar considerable, pero tamén é froito dun investimento público cuxa eficiencia, en termos sociais, é imprescindible defender; tamén, fronte ao desemprego. Por iso, o Goberno favorecerá que os titulados universitarios en situación legal de desemprego e con dereito a prestacións poidan realizar masters oficiais que lles permitan seguir formandose e reciclandose durante a actual crise económica. Con esta finalidade, disporá setenta millóns para que, mediante convenio, as Universidades Públicas faciliten matrícula gratuíta para estes estudos ao titulado no paro de entre vinte e cinco e corenta anos."