A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, por que se modifica a Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, prevé a constitución dunha fundación do sector público estatal para a proxección exterior das universidades españolas.
Dando cumprimento ao disposto por esta normativa, o pasado 24 de outubro, o Consello de Ministros deu luz verde á posta en marcha da Fundación para a proxección internacional das universidades españolas – Universidad.es. Esta iniciativa permitirá ao noso país contar cun instrumento competitivo, equiparable aos dos países do noso medio, que contribuirá a mellorar a súa posición na economía do coñecemento e á súa estratexia de diplomacia pública.
O obxectivo fundamental da Fundación será a creación dunha imaxe de marca do sistema universitario español no exterior, conceptualizando unha fórmula que permita mellorar a visibilidade das universidades españolas no mundo e xestionar a súa reputación.
En estreita relación coas universidades, que son quen posúen a experiencia neste ámbito, apoiaranse diversas liñas de acción, como a captación de estudantes internacionais para realizar programas enteiros conducentes a obter a titulación en calquera dos niveis de estudos universitarios, o fomento da mobilidade cara ao exterior dos estudantes, profesores e investigadores españois, así como o apoio e consultoría ás universidades nas súas estratexias de desenvolvemento internacional e nas súas actividades vinculadas á cooperación para o desenvolvemento.
A Fundación constituiuse formalmente o 23 de decembro de 2008, mediante a celebración da primeira reunión do seu Padroado. Actualmente, o Padroado está presidido polo Ministro de Educación, Ángel Gabilondo, mentres que a Vicepresidencia corresponde á Secretaria de Estado de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Soraya Rodríguez.
No Padroado están así mesmo representado os ministerios de Ciencia e Innovación, Cultura, Xustiza, e Sanidade e Política Social, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o desenvolvemento (AECID), o Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) e o Instituto Cervantes. Participan tamén como membros natos do Padroado o Presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e a Directora da Fundación Carolina.
Conta ademais con tres representantes das Comunidades Autónomas, dous Reitores a proposta do Consello de Universidades e tres persoas de recoñecido prestixio e experiencia no ámbito da educación superior e as relacións internacionais.

