Ministerio de Educación, Cultura e Deporte - Goberno de España

Sistema Educativo

Principios e fins do sistema educativo

A Lei Orgánica de Educación (LOE) aprobada en maio de 2006, regula a estrutura e organización do sistema educativo nos seus niveis non universitarios. Nela reitéranse os principios e dereitos recoñecidos na Constitución defendendo unha nova lei de calidade con equidade para todos. Insístese no carácter inclusivo da educación, en igualdade de trato e non discriminación das persoas baixo ningunha circunstancia.

A LOE reafirma o carácter de servizo público da educación, considerando a educación como un servizo esencial da comunidade, que debe facer que a educación escolar sexa accesible a todos, sen distinción de ningunha clase, en condicións de igualdade de oportunidades, con garantía de regularidade e continuidade e adaptada progresivamente aos cambios sociais. O servizo público da educación pode ser prestado polos poderes públicos e pola iniciativa social.

Os principais obxectivos do sistema educativo no relacionado coas ensinanzas son: mellorar a educación e os resultados escolares, conseguir o éxito de todos na educación obrigatoria, aumentar a escolarización en infantil, en bacharelato e en ciclos formativos, aumentar as titulacións en bacharelato e en formación profesional, educar para a cidadanía democrática, fomentar a aprendizaxe ao longo da vida, reforzar a equidade do sistema educativo e converxer cos países da UE.

A LOE establece que o ensino básico comprende dez anos de escolaridade que se desenvolven de forma regular entre os seis e os dezaseis anos de idade. A educación básica organízase en educación primaria e educación secundaria obrigatoria.

Ademais, a Lei organiza a educación infantil, a educación secundaria postobrigatoria, as ensinanzas artísticas, as ensinanzas deportivas, as ensinanzas de idiomas e a educación de adultos e a distancia, dentro do marco dunha aprendizaxe ao longo da vida. Así mesmo recolle a formulación participativa e os aspectos referentes á organización e funcionamento dos centros, impulsando as súas competencias e autonomía organizativa, e regula as competencias dos consellos escolares e do claustro de profesores.

Cómpre destacar así mesmo que a LOE incentiva a colaboración entre familia e escola, fomentando unha maior participación e responsabilidade dos alumnos e dos pais. No referente ao profesorado, a Lei préstalle especial atención como figura indispensable do sistema educativo, impulsa a formación permanente e axeita a formación inicial ao sistema de graos e posgraos do Espazo Europeo de Educación Superior. Para ser profesor de Educación Secundaria esixirase, a partir do curso 2009/2010, ademais de ser graduado universitario, estudar un master oficial coa formación pedagóxica e didáctica axeitada. Por outra banda, a Lei establece avaliacións de diagnóstico sobre as competencias dos alumnos ao acabar o segundo ciclo de educación primaria e o segundo ciclo da educación secundaria.

© Ministerio de Educación, Cultura e Deporte

Logotipo W3C/WAI dobre A (WCAG 1.0) Este documento é válido XHTML 1.0 Strict Este documento CSS é válido Selo de Inspección de Technosite WCAG-WAI Dobre A. Titulares RSS dispoñibles