Educación inclusiva no sistema educativo
A educación inclusiva ten como propósito prestar unha atención educativa que favoreza o máximo desenvolvemento posible de todo o alumnado e a cohesión de todos os membros da comunidade.
A comunidade educativa está integrada por todas as persoas relacionadas co centro: alumnos, profesores, familias, outros profesionais que traballan no centro, administración educativa, administración local, institucións e organizacións sociais.
Todos os compoñentes da comunidade educativa colaboran para ofrecer unha educación de calidade e garantir a igualdade de oportunidades a todo o alumnado para participar nun proceso de aprendizaxe permanente. A inclusión educativa guíase polos seguintes principios fundamentais:
- A escola debe educar no respecto dos Dereitos Humanos e, para facero, organizarse e funcionar de acordo cos valores e principios democráticos.
- Todos os membros da comunidade colaboran para facilitar o crecemento e desenvolvemento persoal e profesional individual, a un tempo que o desenvolvemento e a cohesión entre os iguais e cos outros membros da comunidade.
- A diversidade de todas as persoas que compón a comunidade educativa considérase un feito valioso que contribúe a enriquecer a todo o grupo e favorecer a interdependencia e a cohesión social.
- Búscase a equidade e a excelencia para todos os alumnos e recoñécese o seu dereito a compartir un medio educativo común en que cada persoa sexa valorada por igual.
- A atención educativa vai dirixida á mellora da aprendizaxe de todo o alumnado, polo que ten que estar adaptada ás características individuais.
- A necesidade educativa prodúcese cando a oferta educativa non satisfai as necesidades individuais. Consecuentemente, a inclusión implica identificar e minimizar as dificultades de aprendizaxe e a participación e maximizar os recursos de atención educativa en ambos os dous procesos.